Guitiriz axudará ás familias que non teñen acceso a internet
O Concello de Guitiriz incrementará as partidas de Emerxencia Social para facilitar o acceso a Internet a aquelas familias que o necesiten e garantir así a igualdade de condicións entre o alumnado de primaria e secundaria.
A expansión da COVID-19 e a suspensión das clases nas aulas provocou que os programas formativos dos centros educativos se continuasen desenvolvendo de xeito telemático. Marisol Morandeira explicou que “lanzamos estas axudas porque somos conscientes da fenda dixital que aínda existe en moitos fogares do municipio e que impide que todos os alumnos e alumnas teñan as mesmas posibilidades en canto ás dificultades de conexión e ao acceso a plataformas”.
Estas novas liñas poderán adaptarse a calquera situación, polo que desde o goberno local pídese ás familias que se vexan afectadas neste sentido que se poñan contacto cos Servizos Sociais municipais para así definir o tipo de axuda. Estas poden ser desde o subministro de pendrives con datos adicionais ata aportes económicos que deben destinarse exclusivamente a facilitar o acceso á rede.
Marisol Morandeira destacou que “estamos convencidos de que este programa de axudas é moi importante porque nestes momentos, para garantir unha educación de calidade, é necesario que todos os rapaces e rapazas teñen as mesmas posibilidades para formarse desde as súas casas”.