Guitiriz cancela o desfile pero mantén a festa e concurso de Entroido o 17 no pavillón

O Concello de Guitiriz decidiu suspender o desfile de Entroido, previsto para o martes, 17 de febreiro, debido ás previsións climatolóxicas adversas. A celebración do Entroido, unha das festividades máis destacadas do municipio, contará con máis de 1.600 euros en premios achegados polo Concello e pola Asociación Xermolos.
Así, a celebración terá lugar ás 18:00 horas pero en lugar do tradicional desfile de Entroido desde a Escola Habanera, dará comezo a festa no Pavillón Municipal Jonathan Carro Paz.
No marco da programación celebrarase o II Concurso de Disfraces e Comparsas ‘Premio Especial Concello de Guitiriz’, organizado polo Concello de Guitiriz, que nesta segunda edición consolida esta cita como unha festa de tradición popular orientada a fomentar a participación activa, creativa e interxeracional da veciñanza.
O certame contará con tres modalidades de participación e cunha dotación económica total de 1.245 euros, superando a contía da edición anterior. As comparsas, formadas por seis ou máis participantes, poderán optar a un premio de 620 euros; os grupos, integrados por entre dúas e cinco persoas, a un premio único de 375 euros; e a categoría individual, cun único participante, a un premio de 250 euros.
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o luns 16 de febreiro de 2026 ás 14:00 horas. As bases poderán consultarse na páxina web municipal e as inscricións formalizaranse de maneira presencial no Rexistro do Concello ou de forma telemática a través da Sede Electrónica do Concello de Guitiriz.
A Asociación Xermolos tamén repartirá premios co obxectivo de recoñecer o espírito máis festivo da celebración. A entidade distinguirá con 100 euros e unha cesta con produtos típicos do Entroido a cada comparsa premiada pola súa música, humor e traballo colectivo e, ademais, concederá tres premios de 50 euros aos Mecos máis chamativos. Para optar a estes recoñecementos será necesario enviar unha fotografía dos Mecos ao enderezo electrónico xermolos@xermolos.org para comunicar a súa existencia.