Guitiriz celebra este domingo o Día da Bicicleta
O Concello de Guitiriz comezará o mes de setembro da mellor maneira: facendo deporte. Este domingo, 1 de setembro, celebrarase o Día da Bici 2019, un evento no que se anima a participar tanto a maiores como aos máis pequenos.
Os participantes están citados ás 10 horas na praza do Campo da Feira e a saída está prevista para as 10:30 horas. O roteiro pasará pola rúa Boa Veciña, Terra Chá, Tralouteiro, Xermolos, Paseo do Boedo, Balneario de Guitiriz, Recemil, Mende, Galiñeiro, Parga e volverase a Guitiriz polo Roteiro da Auga.
Desde a organización, formada polo Concello de Guitiriz e o club BTTeiros Cova da Serpe, indican que “preferiblemente o roteiro o realicen só os maiores de 10 anos”, xa que para os máis pequenos deseñouse un itinerario pegado ao río.
Ademais, desde as 10 horas tamén haberá opcións de lecer para os que queden na Praza do Campo da Feira, na que se instalará unha xincana para todas as idades. Cando finalice o roteiro, a partir das 13 horas, haberá unha exhibición de trail.
Para participar é necesario anotarse no Concello de forma presencial ou no número 982 37 01 09 e o único requisito que se pide é que os participantes deben levar casco.