Guitiriz celebra o 23 o Día de Rosalía

TerraChaXa
Guitiriz celebrará o 23 de febreiro o Día de Rosalía de Castro e preparou unha programación con literatura e actividades lúdicas.
dia de rosalia guitiriz portada
18 Feb 2022

Guitiriz celebrará o 23 de febreiro o Día de Rosalía de Castro e, como homenaxe á insigne autora, preparou para esa xornada unha programación na que destacan a literatura e as actividades lúdicas.

As accións que se van a levar a cabo son: unha lectura de poemas no Campo da Feira á que están invitados os veciños e veciñas do municipio, unha mostra de libros de Rosalía de Castro (na Casa Habanera do 21 ao 24 de febreiro) para darlle visibilidade ao material que se atopa no fondo bibliográfico da Biblioteca Pública Municipal Casa Habanera e O paraugas da fala no Campo da Feira que conta cunha ampla variedade de actividades lúdicas (encrucillados, quebracabezas, sopas de letras ou labirintos) para dar a coñecer dun xeito divertido a figura e o legado da ilustre poetisa.

Entre todas as persoas participantes realizararase un sorteo dun lote de libros e un Sanandresiño, elaborados con faragulla de pan, que se  modela e enforna para despois pintar de vivas cores. Son o recordo máis demandado polos peregrinos e turistas que acoden a Santo André de Teixido, que buscan con eles propiciar a boa sorte.

A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, explica que “ con este evento pretendemos, por unha banda, homenaxear á insigne autora, figura senlleira das letras galegas, e tamén reivindicar, a través de cada unha das súas sucesivas edicións, non só a figura rosaliana, senón tamén a doutras galegas ilustres que, ao longo da historia, xogaron un importante papel no campo das artes”.

Rosalía de Castro (Santiago de Compostela, 1837 — Padrón, 1885) é unha das figuras clave do panorama literario do século XIX español e escritora fundacional da literatura galega. A súa obra inicia o período coñecido como  Rexurdimento galego. Na súa obra poética sobresaen os Cantares galegos (1863), Follas  Novas (1880) e Nas beiras do Sar (1884). Dentro da súa faceta narrativa destacan as novelas A filla do mar (1859) e O cabaleiro das botas azuis (1867).

0.20862007141113