Guitiriz celebra o Día Mundial da Poesía cunha iniciativa aberta á veciñanza na biblioteca municipal

Con motivo da celebración do Día Mundial da Poesía, que se conmemora cada 21 de marzo, a Biblioteca Municipal de Guitiriz impulsa unha actividade creativa aberta a toda a cidadanía co obxectivo de promover a creación literaria e fomentar o interese pola poesía.
A iniciativa propón ás persoas participantes a elaboración dunha estrofa orixinal de temática libre, que deberá ser creada pola propia autora ou autor. A convocatoria está aberta a calquera persoa sen límite de idade, aínda que se establece unha única participación por persoa.
As estrofas deberán presentarse por escrito directamente na Biblioteca entre o luns 23 e o 31 de marzo. Ademais, quen participe poderá indicar o seu nome para identificar a autoría da composición, aínda que este dato será opcional.
Desde a organización sinalan que o persoal da Biblioteca poderá expoñer as creacións recibidas nun espazo habilitado dentro das instalacións, co fin de dar visibilidade ao talento local e compartir co público as distintas propostas literarias.
Como incentivo á participación, todas as persoas que entreguen a súa estrofa recibirán un libro de agasallo ata fin de existencias, nunha iniciativa que busca reforzar o vínculo coa lectura e coa creación poética.