Guitiriz celebra o sábado 9 o centenario da Escola dos Vilares

TerraChaXa
O Concello de Guitiriz e a Asociación de Veciños Os Vilares conmemorarán este sábado, 9 de decembro, o centenario da escola dos Vilares.
escola os vilares guitiriz
5 Dec 2023

O Concello de Guitiriz e a Asociación de Veciños Os Vilares conmemorarán este sábado, 9 de decembro, o centenario da escola dos Vilares. Un acto na propia escola que arrincará ás 16 horas e no que participará a mestra Rosa.

Durante toda a tarde levaranse a cabo diferentes actividades: obradoiro de regueifas, exposición de fotos antigas dos Vilares e unha actuación musical dos Trapeiros dos Vilares. Ademais, haberá chocolate para todas as persoas asistentes.

A escola foi construída grazas ao diñeiro que mandaron os emigrantes organizados na asociación Villares y su Comarca da Habana, que non estaba composta só por emigrantes vilaregos, senón que tamén por emigrantes nacidos en Santa Cruz, Buriz, Labrada, San Breixo, Aranga, Momán, Belesar, Muras, As Pontes ou en Ortigueira, que apoiaron solidariamente esa tarefa.

A construción da obra foi contratada polo crego Ramón López Otero a Manuel Coira, do Vilariño dos Cregos, veciño do daquela neno Xosé María Díaz Castro, por 8.907,23 pesetas.

Unha vez rematado o edificio da escola, o crego deu conta de todo o diñeiro gastado na súa construción á Sociedade Villares y su Comarca, creando, o 8 de xaneiro de 1933, un Consello de Administración que a dotara dos medios necesarios para o seu funcionamento.

Cando en 1923 se rematou a escola, ao ser o sitio mais céntrico duplicouse a matrícula, dando clases Manuel Cordeiro no curso 1923-1924, a mais dun cento de nenos na escola da Conchada, á que pasou tamén Díaz Castro cando contaba con nove anos de idade, seguindo alí ata que en setembro ou outubro de 1929 ingresou no Seminario de Mondoñedo.

centenario escola vilares
0.1771821975708