Guitiriz celebra un novo 'Domingo de Baile' na Escola Habanera

O Concello de Guitiriz organiza este domingo 16 de novembro unha nova edición do 'Domingo de Baile' na Escola Habanera. A actividade, aberta ao público en xeral, está pensada para pasar unha tarde amena e divertida con música, baile e bo ambiente.
A sesión desenvolverase de 17.00 a 20.00 horas e incluirá un descanso cunha doce merenda para todos os asistentes. Ademais, aquelas persoas que non desexen participar no baile poderán gozar doutros entretementos, xa que haberá tamén xogos de mesa.
Desde o Concello animan á veciñanza a achegarse a esta proposta de lecer, pensada para fomentar a convivencia e o encontro social entre os veciños e veciñas de Guitiriz.