Guitiriz celebrou o XX Rally Rías Altas Clásico
Celebrouse en Guitiriz o XX Rally Rías Altas Clásico, que contou con máis de 40 participantes. A proba foi organizada un ano máis pola Moto Club Coruña-Escudería Centollo, en colaboración co Concello de Guitiriz e a Asociación Lucense de Automóviles Antiguos. O concello guitiricense foi o epicentro da proba, que contou cun percorrido de 175 quilómetros e que tamén cruzou os concellos de Xermade, Aranga e Monfero.
A carreira, que foi unicamente de tarde, deu inicio ás 15.30 horas desde a praza do Campo da Feira e finalizou coa chegada unhas seis horas despois ao Iberik Balneario de Guitiriz, onde posteriormente quedaron expostos os coches participantes. A cita congregou en Guitiriz a equipos das distintas escudarías de clásicos de Galicia e da Asociación de Amigos del MAHI, cun total de 44 participantes. Tras o remate da proba, todos os participantes e os representantes gozaron dunha cea de confraternización no Iberik Balneario de Guitiriz.