Guitiriz conta cun espazo moderno, intuitivo e áxil para dar a coñecer o seu turismo
O Concello de Guitiriz presentou a súa nova web de turismo municipal, https://turismo.concellodeguitiriz.com/, un espazo moderno, intuitivo e áxil no que o usuario ou usuaria poderá atopar información sobre como chegar a Guitiriz, o que ver durante a súa visita e, non menos importante, onde comer e durmir.
No acto explicaron que “esta web específica de turismo nace da necesidade de dar unha información ao visitante que non ten as mesmas necesidades que a poboación local”.
Por outra banda, o Concello presentou as súas accións de promoción turística de cara a este Xacobeo 2021-2022, un vídeo e tamén un folleto que se encadran dentro do proxecto Excelencia no Camiño do Norte, un programa de cooperación público – privada que pretende posicionar o destino como un territorio excelente nos servizos para peregrinos e turistas.
Na peza audiovisual amósanse as potencialidades da paisaxe e dos enclaves turísticos cos que conta o Concello de Guitiriz, a ruta dos Sete Muíños, o balneario de Pardiñas, a ponte e a capela do Santo Alberte, a fonte de Valdovín ou o Muíño da Ruxida son algúns dos elementos que se poden apreciar no vídeo.
No caso do folleto, serve como orientación para os peregrinos que percorran a nova variante ou a ruta tradicional Camiño do Norte e, ao seu paso por Guitiriz, desexen completar a súa experiencia turística visitando os diferentes puntos de interese que se sinalan no mapa (área recreativa de San Xoán, presa de Merra, praza de Santa María, Carballeira de Parga, Castelo de Parga, Pena Xiboi, Muíño da Ruxida, Cova da Serpe...) Ademais, a través dun código QR, poden acceder á listaxe de establecementos onde durmir e comer dentro do municipio.
A alcadesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, destacou “a aposta do goberno local por poñer en valor o patrimonio cultural e turístico do concello, no que o Camiño ten un lugar privilexiado” e engadiu que “isto compleméntase coa nosa política de mellorar a comunicación coa cidadanía, que agora inclúe a renovación da páxina web municipal”.
“Queremos que a xente se anime a visitar Guitiriz, temos unha hostalería e un comercio de calidade e temos que atraer aos visitantes porque para nós o mellor recoñecemento é ver o Camiño cheo de peregrinos como o está estas últimas semanas”, incidiu a rexedora.
Pola súa parte, Gerardo Criado, xefe territorial da Xunta en Lugo, comentou que “o Camiño Norte está a ter un potencial económico enorme” e eloxiou as accións que está a levar a cabo o Concello de Guitiriz para poñelo en valor. “Calquera persoa que pase por aquí poderá ver a excelencia que se persegue a desde a Xunta seguiremos colaborando, a través deste e outros programas, aproveitando os anos Xacobeos”.