Guitiriz contará este martes cunha nova sesión de teatro

TerraChaXa
Terá lugar a partir das 20:00 horas como unha actividade organizada polo Concello como parte da programación municipal polo Nadal
blue-island
22 Dec 2025

O Concello de Guitiriz organiza o vindeiro martes, 23 de decembro, a representación da obra de teatro Blue Island: Un lugar axeitado para criminais, que terá lugar na Escola Habanera ás 20:00 horas. A proposta conta con entrada de balde ata completar aforo.

A actuación enmárcase dentro do Circuíto Teatral Afeccionado da Deputación Provincial de Lugo, unha iniciativa que promove o teatro amateur e achega propostas culturais de calidade aos concellos da provincia.

A obra, interpretada por Borguete Teatro da Asociación Cultural e Deportiva de Árbol, transporta ao público ata o corazón de Nova York. A acción sitúase en Blue Island, un local nocturno da cidade, onde aparece morto Ernie Fontaine, xerente e un dos socios do club. A investigación do crime, dirixida polo comisario Orson Brown, mantén abertas todas as hipóteses mentres aumentan as sospeitas sobre o entorno do falecido, incluídas as coristas do local e os seus presuntos vínculos co crime organizado.

A trama, chea de intriga e suspense, afonda nos segredos e nas sombras que rodean a vida do señor Fontaine. A dirección da peza corre a cargo de Guillermo Cancelo.

⚙ Configurar cookies
0.07625412940979