Guitiriz continúa coa campaña de compostaxe doméstica cunha nova entrega de composteiros

O Concello de Guitiriz prosegue coa súa campaña de compostaxe doméstica cunha nova sesión informativa e entrega de composteiros que terá lugar este mércores 25 de febreiro na Escola Habanera, a partir das 18:00 horas.
Esta iniciativa permitirá ás persoas participantes recoller de balde o seu composteiro, co obxectivo de fomentar a xestión sostible dos biorresiduos no ámbito doméstico e promover prácticas respectuosas co medio ambiente entre a veciñanza do municipio.
Ademais desta convocatoria, nas próximas semanas celebraranse novas sesións informativas en diferentes puntos de Guitiriz para facilitar o acceso á campaña e ampliar o número de fogares que se sumen a este sistema de reciclaxe orgánica.
As persoas interesadas en participar poden formalizar a súa inscrición a través da páxina web guitiriz.ocaminosostible.gal ou solicitar máis información no teléfono 647 521 464 e no correo electrónico info@ocaminosostible.gal. A campaña está financiada ao abeiro da liña de axudas destinada á xestión de biorresiduos.