Guitiriz convoca unha concentración diante do HULA para reclamar mellor atención sanitaria en Parga

TerraChaXa
Co obxectivo de continuar presionando ao Sergas para que rectifique os recortes e restableza "un servizo médico axeitado", o Concello fai un chamamento á participación cidadá na mobilización
coincentracion-sergas-hula
12 Dec 2025

Os tres partidos que integran a corporación municipal do Concello de Guitiriz acordaron por unanimidade convocar o vindeiro luns, 15 de decembro, unha concentración diante do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), en Lugo, para protestar polos continuos recortes sanitarios en Parga. A mobilización celebrarase ás 12:00 horas diante do hospital, onde se atopa a Sede da Xerencia de Atención Primaria.

Esta decisión chega tras coñecerse que o Sergas reduciu a só dous o número de médicos destinados ao concello e que, ademais, ambos profesionais foran asignados ao Centro de Saúde de Guitiriz durante todo o mes de decembro, deixando ao Consultorio de Parga sen médico e cun servizo limitado exclusivamente a enfermaría. O Concello lamenta que non existise comunicación previa por parte do Sergas sobre esta medida, que afecta de maneira directa á atención sanitaria da veciñanza.

Como reacción inmediata, o pasado venres, 5 de decembro, o Concello convocou unha concentración diante do Consultorio de Parga, que contou coa participación de decenas de veciños e veciñas, demostrando a preocupación social ante a perda de servizos sanitarios básicos.

Co obxectivo de continuar presionando ao Sergas para que rectifique esta decisión e restableza "un servizo médico axeitado", o Concello fai un chamamento á participación cidadá na mobilización do día 15, reivindicando o dereito da veciñanza a unha sanidade pública de calidade, próxima e xusta.

A alcaldesa, Marisol Morandeira, subliña que “a situación é insostible e non imos permitir que Parga quede desatendida. A sanidade pública é un dereito fundamental, especialmente no rural, e esiximos que o Sergas devolva inmediatamente o médico ao consultorio e garanta unha atención digna para toda a veciñanza”.

⚙ Configurar cookies
0.080687999725342