Guitiriz despediu os Xogos da Primavera coa celebración da Copa Xogo da Ra

O Concello de Guitiriz celebrou a clausura dos Xogos da Primavera 2025 coa disputa da III Copa Xogo da Ra. A competición tivo lugar no exterior da Escola Habanera.
Esta actividade lúdica e interxeracional ten por obxectivo revalorizar os xogos de onte e promover a relación e a socialización entre maiores e nenos, sendo xa toda unha tradición no municipio guitiricense.
Na competición participaron unha decena de persoas, entre elas a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, quen resultou a gañadora do certame. Completaron o podio Fernando Mayer, segundo clasificado, e Pilar Iglesias, terceira.
Os tres primeiros clasificados recibiron un trofeo e un diploma, pero todos os participantes foron obsequiados cun agasallo realizado polo Centro de Día e a Aula CeMIT, formado por un doce e unha pequena ra elaborada con impresora 3D.