Guitiriz destina as súas vivendas de uso social a refuxiados de Ucraína
O Concello de Guitiriz, ante a grave crise humanitaria que atravesa Ucraína pola invasión rusa, pon a disposición do Goberno de España as dúas vivendas municipais de uso social coas que conta como aloxamento para refuxiadas e refuxiados procedentes deste país.
A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, xa enviou á Fegamp un escrito ofrecendo a Escola de Becín e a Escola de Campoverde, que estaban destinadas para persoas en situación de emerxencia social e agora mesmo están baleiras, para que poida darse aloxamento a algunha das familias ucraínas que están a chegar a Galicia.
A primeira consta de planta baixa e primeira planta (independentes entre si), tendo a primeira planta cociña, dormitorio, calefacción, electricidade e auga quente. Pola súa parte, a de Campoverde posúe cociña, calefacción, auga quente e electricidade.
Marisol Morandeira explica que “como estas dúas vivendas levaban un tempo vacías e sen previsión de ocupación decidimos que era unha boa forma de poñer o noso gran de area para axudar ás persoas que se están a ver afectadas polo conflito bélico”.
Desde o Concello de Guitiriz recordan aos seus veciños e veciñas que, tanto o Goberno Central, como a Fegamp e o resto de administracións e entidades competentes na materia, recomendan non actuar en materia de acollemento cada un pola súa conta e traballar seguindo os itinerarios oficiais establecidos xa que, do contrario, as persoas que cheguen ao noso territorio non terán forma de acceder ás axudas e programas que hai dirixidos a estas.