Guitiriz destinará 252.000 euros para a facer un punto limpo no polígono
A actuación estará sufragada cunha subvención de 183.586,67 euros da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda con fondos europeos.
O Concello de Guitiriz destinará 252.491,6 euros para a creación dun punto limpo fixo no polígono, actuación que estará sufragada cunha subvención de 183.586,67 euros da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda con fondos europeos.
O proxecto consiste na adecuación dunha parcela no polígono na que se executarán as obras precisas para a súa utilización como punto limpo fixo, que estará formado por unha caseta para o operario que o atenderá, unha báscula para pesar os residuos e as propias instalacións para a xestión de residuos. A tipoloxía escollida para punto limpo é a de módulos prefabricados de formigón.
Consistirá nunha rampla que ascenderá a unha plataforma dende a cal se verterán os residuos aos contedores situados no chan.
Esta tipoloxía permite aproveitar o interior da plataforma para gardar os contedores dos residuos de menor volume (coma aparatos eléctricos e electrónicos, pilas, téxtiles...) resgardados das inclemencias meteorolóxicas, sen necesidade de construír unha zona específica. Para isto, dous dos módulos estarán provistos de ocos para instalar portas reforzadas de suficiente tamaño para permitir unha entrada e saída cómoda dos usuarios e os contedores.
A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, explica que “agora mesmo non temos ningún punto limpo fixo e, seguindo a nosa política de intentar conseguir unha xestión residuos máis eficiente e efectiva, cremos que é necesario contar con esta infraestutura”.