Por primeira vez Guitiriz e Castro de Rei entran no reparto de fondos destinados a financiar actuacións de recuperación nas áreas ARIS
Por primeira vez Guitiriz e Castro de Rei entran no reparto de fondos destinados a financiar distintos tipos de actuacións de recuperación e urbanización nas áreas de rehabilitación integral (ARI).
Así, disporán de 151.000 euros cada un para financiar as primeiras actuacións dentro do ámbito das súas novas ARIS. Estes fondos poderán destinarse á concesión de axudas aos propietarios de vivendas e de edificios a rehabilitar así como ao propio concello
No caso de Guitiriz, cómpre lembrar que desde finais do ano 2020 conta coa Área de rehabilitación integral do Buriz e Os Vilares, mentres que a primeira e única ARI de Castro de Rei foi declarada o pasado mes de febreiro. Ambos concellos solicitaron financiamento con cargo á anualidade 2021 e finalmente foron incluídos no reparto, de xeito que recibirán 151.000 euros cada un para poder empezar a intervir nestas zonas.
O proxecto presentado en Guitiriz implicou un traballo previo de documentación para identificar as vivendas e espazos públicos con máis necesidade e interese para a súa rehabilitación. Así, este proceso afectará a 10 núcleos entre Os Vilares (As Reixas, Drada, Vilariño dos Cregos e Casanova de Vilariño) e O Buriz (Bustelo, Carelo, Portelo, A Forxa, O Buriz e A Graña-Ventisca), sumando un total de 93 vivendas e 5 edificios dotacionais dos que 2 son de uso educativo e/ou social e os 3 restantes son relixiosos.
Unha vez aprobado o ARI, ten que ser dotado de fondos por parte do Ministerio de Fomento e da Xunta de Galicia para que os veciños e veciñas poidan optar a unha serie de axudas para a rehabilitación das vivendas nas que residan. Isto ocorrerá previsiblemente ao longo do ano 2021.
As obras subvencionables poderán ser: reparación de fachadas e cubertas, mellora de salubridade, mellora de illamento, mellora de accesibilidade, mellora enerxética, cambio de ventás e eliminación de radón.
Unha vez dotado de fondos o ARI o Concello de Guitiriz creará unha oficina técnica para a que se destinan 74.782,75 euros e que permanecerá durante un ano para axudar aos veciños a tramitar as súas solicitudes de rehabilitación. Está previsto que haxa persoal administrativo, delineante, un arquitecto técnico e un arquitecto superior.
Ademais, os concellos recibirán tamén subvencións para executar pola súa conta actuacións de urbanización e reurbanización de espazos públicos no ámbito da ARI, cun importe de ata 2.000 euros por cada vivenda rehabilitada.
A maiores, a Administración local contará con financiamento para sufragar os custos asociados á oficina municipal de rehabilitación —1.500 euros por vivenda rehabilitada ou construída en substitución doutra existente—.