Guitiriz en Ruta continúa este domingo coa saída O Vicedo-Espasante

TerraChaXa
Os participantes realizarán un percorrido duns 20 quilómetros pola etapa 7 do Camiño Natural da Ruta do Cantábrico
rutas-senderismo-guitiriz-en-ruta
23 Sep 2025

O programa Guitiriz en Ruta 2025 volve este domingo, 28 de setembro, logo do parón realizado durante os meses de verán. Nesta ocasión, as e os participantes realizarán o percorrido O Vicedo-Espasante, correspondente á etapa 7 do Camiño Natural da ruta do Cantábrico.

A ruta consistirá nunha andaina duns 20 quilómetros de dificultade baixa, que se desenvolverá durante toda a xornada. As persoas participantes poderán gozar das espectaculares vistas do litoral e realizarán o xantar durante o propio percorrido, polo que é moi importante levar comida, bebida e calzado cómodo.

O itinerario comezará no porto do Vicedo e rematará no porto de Espasante (Concello de Ortigueira), pasando por lugares emblemáticos como os acantilados de Loiba ou o porto do Barqueiro. Gran parte da andaina discorrerá bordeando o mar, atravesando acantilados e praias.

A saída do autobús está programada para as 9:00 horas desde a Praza do Campo da Feira de Guitiriz, coa chegada prevista arredor das 19:00 horas.

Ao tratarse dunha saída fóra do concello, as inscricións terán un prezo de 5 euros para persoas empadroadas, 10 euros para non empadroadas e gratis para os menores de 14 anos. A ruta é aberta ao público en xeral, pero os menores terán que ir acompañados dunha persoa adulta.

As inscricións estarán abertas ata o xoves, 25 de setembro, ás 15:00 horas. Poderanse formalizar de xeito presencial no Concello ou chamando por teléfono ao 982 37 01 09.

⚙ Configurar cookies
0.1002209186554