Guitiriz en Ruta retomará as excursións despois de Semana Santa
Onte, domingo 27 de marzo, 34 persoas, adultos e nenos e nenas, participaron na segunda quenda da andaina organizada polas Fragas do Eume dentro do programa municipal Guitiriz en ruta 2021/2022.
O itinerario foi de 16 quilómetros, pola ruta dos Encomendeiros, de dificultade baixa pero con varios tramos bastante técnicos con pedras, raíces, pequenas subidas e terreo esvaradío. As persoas participantes desfrutaron da contorna de incomparable beleza que compón as Fragas do Eume e, dentro do itinerario marcado, tamén puideron coñecer nunha visita guiada o Mosteiro de Caaveiro, ademais de aproveitar alí tamén para repoñer forzas.
A próxima andaina do programa Guitiriz en ruta terá lugar o 24 de abril e será un itinerario circular de 12 quilómetros á Cova da Serpe, con saída e chegada na escola das Negradas.