Guitiriz esixe ao Sergas a restitución inmediata do servizo médico no consultorio de Parga

O Concello de Guitiriz manifesta o seu profundo rexeitamento á decisión do Sergas de deixar sen atención médica o consultorio de Parga durante todo o mes de decembro. A situación prodúcese tras a resolución do concurso de traslados de Atención Primaria e sen que existise comunicación previa ao municipio, que pasa a contar con dous médicos titulares: un asignado a Guitiriz e outro a Parga.
Porén, o Sergas decidiu que ambos profesionais permanezan unicamente en Guitiriz, unha medida que o goberno local considera inadmisible para un concello con máis de 5.000 habitantes.
"A decisión, adoptada de forma unilateral e sen notificación institucional, implica que o Centro de Saúde de Parga quedará sen médico durante todo o mes, dispoñendo só de atención en enfermaría. Esta redución dos servizos sanitarios básicos supón un prexuízo grave para a veciñanza, que se verá obrigada a desprazarse ata Guitiriz para recibir asistencia médica", explican.
Desde o Concello avanzan que reclamarán de inmediato ao Sergas a rectificación desta medida e a restitución urxente do servizo médico en Parga, "co obxectivo de garantir unha atención sanitaria digna, accesible e de proximidade para toda a poboación".