Guitiriz fai unha nova sesión informativa sobre as xestións nas administracións
O xoves 12 de setembro, terá lugar na Casa Habanera de Guitiriz de novo a sesión informativa A Administración Cerca de Ti, que pretende axudar ós habitantes dos pobos para que poidan realizar xestións por vía telemática nas distintas administracións públicas.
As persoas interesadas en asistir deberán pedir cita previa no 982 370 109. O servizo, que será prestado con máis frecuencia, contará cunha nova visita no mes de decembro.
Este programa piloto que beneficiará a un total de 7,5 millóns de habitantes de pobos pequenos de toda España ó recibir servizos da Administración Xeral do Estado nos seus concellos, foi presentado pola ministra de Política Territorial e portavoz do Goberno, Isabel Rodríguez.
Tal e como afirma Rodríguez o que se busca é "facilitar que os habitantes dos pobos non teñan que desprazarse e poidan realizar os trámites dende o seu municipio".
O obxectivo do Goberno é achegar a Administración á cidadanía para fortalecer a cohesión social e territorial, combater a brecha dixital e reforzar a igualdade de oportunidades, segundo a ministra "transformando o noso país e facendo unha Administración máis útil e próxima".
A primeira fase da iniciativa, impulsada dende o Ministerio de Política Territorial conxuntamente co Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, desenvolverase nun total de 3.200 municipios españois.
Agora é a quenda de Guitiriz, un día no que os cidadáns só terán que desprazarse á Casa Habanera, ás 10.00 horas, para contar coa súa firma dixital, coa que poderán acceder ós trámites e servizos dixitais, evitando desprazamentos innecesarios e o custe económico que iso representa.
O obxectivo é informar ós cidadáns dos trámites e prestacións, acompañalos, axudalos, orientalos para un mellor aproveitamento da Administración e combater as fendas dixitais, territoriais e de xénero.