Guitiriz homenaxea a Rosalía de Castro cun programa de actividades

TerraChaXa
O Concello de Guitiriz, a través da Biblioteca Pública Municipal Casa Habanera, celebra o Paraugas da fala 2024, unha programación con actividades para conmemorar o día de Rosalía de castro.
rosalia de castro paraugas da fala portada
18 Feb 2024

O Concello de Guitiriz, a través da Biblioteca Pública Municipal Casa Habanera, celebra o Paraugas da fala 2024, unha programación con actividades para conmemorar o día de Rosalía de castro.

Estas actividades están deseñadas para achegar á veciñanza a vida e obra da autora galega máis ilustre, en recoñecemento á súa contribución á literatura galega e española, a defensa da identidade cultural de Galicia e para valorar o seu legado como unha das figuras máis destacadas da literatura do século XIX.

O Paraugas da Fala consta dunha ampla variedade de actividades lúdicas (encrucillados, quebracabezas, sopas de letras, labirintos, lectura de poemas, música,...) para celebrar o día de Rosalía e dar a coñecer dun xeito divertido a figura e o legado da nosa ilustre poetisa.

Programación de actividades

As actividades darán comezo o 21 de febreiro. De 11:00 a 12:00 horas o Paraugas da Fala achégase ata o Centro de Día Casa do Capataz. e de 12:30 a 13:30 horas estará no mercado no Campo da Feira de Guitiriz. Ao día seguinte, de 08:00 a 09:30 horas viaxa ata a aula de Madrugadores do CEIP Plurilingüe Lagostelle.

O 23 de febreiro rematarán as actividades con varias sesións. De 08:00 a 09:30 horas o Paraugas da Fala viaxa ata a aula de Madrugadores do CEIP Santo Estevo de Parga; de 11:30 a 12:30 horas estará na Biblioteca municipal, onde os participantes do taller de estimulación cognitiva poderán desfrutar das actividades e coñecer de maneira virtual a Casa de Rosalía de Castro, empregado material innovador cedido pola aula CeMIT, (tablets e gafas de realidade virtual).
Contarán coa colaboración do alumnado da biblioteca Poeta Díaz Castro-Proxecto KPACES.

Outras actividades

Xunto con estas actividades, desde o 26 de febreiro ao 15 de marzo, levarase a cabo unha mostra libros de Rosalía de Castro, coa que pretende dar visibilidade á obra literaria de Rosalía de Castro que se atopa no fondo bibliográfico da Casa Habanera.

As persoas que se acheguen ao mercado entrarán nun sorteo dun lote de libros e un Sanandresiño, figura elaborada con faragulla de pan, que se modela e enforna para despois pintar de vivas cores; son o recordo máis demandado polos peregrinos e turistas que acoden a Santo Andrés de Teixido, que buscan con eles propiciar a boa sorte.

Rosalía de Castro (Santiago de Compostela, 1837 — Padrón, 1885) é unha das figuras clave do panorama literario do século XIX español e escritora fundacional da literatura galega. A súa obra inicia o período coñecido como Rexurdimento galego. Na súa obra poética sobresaen os Cantares galegos (1863), Follas Novas (1880) e Nas beiras do Sar (1884). Dentro da súa faceta narrativa destacan as novelas A filla do mar (1859) e O cabaleiro das botas azuis (1867).

0.060473203659058