Guitiriz impulsa o proxecto Excelencia no Camiño do Norte
O proxecto Excelencia no Camiño do Norte é unha iniciativa do Concello de Guitiriz para posicionarse como un destino de calidade e con servizos excelentes para turistas e peregrinos. Esta iniciativa de cooperación público – privada para a posta en valor do destino forma parte do programa O teu Xacobeo impulsado pola Xunta de Galicia.
Esta tarde o Concello de Guitiriz presentou o proxecto Excelencia no Camiño do Norte. Este proxecto de cooperación público – privada pretende posicionar o destino como un territorio excelente nos servizos para peregrinos e turistas. Así mesmo, déronselle diplomas aos establecementos distinguidos tanto a través deste proxecto como polo Sicted, Sistema de Calidade Turística Española en Destino.
No acto interviñeron Marisol Morandeira, alcaldesa de Guitiriz; Roberto García Peronas, deputado de Participación Cidadá da Deputación de Lugo e Paloma Vázquez, xefa de servizo de Turismo na Delegación da Xunta de Galicia en Lugo; acompañadas tamén por Pilar Vázquez, concelleira de Turismo de Guitiriz. Así mesmo, as autoridades entregaron os diplomas aos establecementos turísticos participantes no proxecto para posteriormente gozar da actuación do grupo Acordeireta.
Guitiriz é pioneiro en calidade turística debido a que leva traballando no Sicted, Sistema de Calidade Turística en Destino desde hai 16 anos e o único na provincia de Lugo ata o ano pasado, momento no que se uniu a Ribeira Sacra. Nesta ocasión, aproveitando esta ampla traxectoria na mellora continua da calidade e na cooperación público – privada, deu un paso máis, potenciando esa excelencia nos servizos do Camiño de Santiago.
Para iso, impulsou melloras relativas no Camiño de Santiago aos empresarios do sector, impartiu formación cun Operador de turismo especializado no Camiño de Santiago e tamén específica relativa ás novas tendencias destes viaxeiros en tempos de covid. Todo iso co obxectivo de fortalecer o sector.
Albergues, hoteis, restaurantes, bares e cafeterías, vivendas vacacionais, taxis, Protección Civil, Policía Local e a Oficina de Turismo uníronse a esta iniciativa de mellora da calidade que se combinou tamén co Sicted. Un total de 15 empresas e organismos que levan traballando moitos meses para ofrecer o mellor servizo a peregrinos e visitantes no Camiño do Norte, do que transcorren dúas variantes por Guitiriz. No marco deste proxecto están a elaborarse tamén un folleto e un audiovisual que se presentarán proximamente.
A alcaldesa, Marisol Morandeira, destaca o esforzo das empresas e a importancia do Camiño de Santiago para Guitiriz, municipio con moito que ofrecer ao peregrino. Así mesmo, agradece a cooperación público-privada para seguir posicionando Guitiriz.
Esta presentación do proxecto tivo lugar en pleno Camiño de Santiago, nun dos puntos de obrigada visita para o peregrino, a Capela de San Alberte, que constitúe un lugar de esparexemento ideal para que calquera camiñante faga un alto no camiño.