Guitiriz inicia a redacción do seu Plan de Mobilidade Sostible

TerraChaXa
O Concello facilitará a participación da veciñanza e segue a avanzar de cara a planificación estratéxica e sostible do termo municipal.
rua principal guitiriz concello
23 Nov 2021

O Concello de Guitiriz ven de iniciar a redacción do seu Plan de Mobilidade Sostible. O desenvolvemento do PMS servirá como ferramenta de planificación estratéxica do seu territorio a través do fomento dunha mobilidade sostible, que procure unha accesibilidade universal e implique transformar múltiples hábitos da mobilidade urbana. A implantación de formas de desprazamentos máis sostibles (camiñar, bicicleta, transporte público) está estreitamente ligada á redución da contaminación, mellora do entorno urbano e ao impulso da inclusión social.

Como inicio do proceso de toma de datos, o equipo redactor xa comezou a avaliar a calidade do espazo público e localizar aqueles puntos sobre os que resultaría de especial interese actuar.

Xa está en marcha unha consulta online na que calquera persoa residente neste termo municipal terá a opción de participar de xeito que sexa posible coñecer tanto as demandas e propostas, como os hábitos de mobilidade da súa veciñanza en relación ao Plan de Mobilidade Sostible. O cuestionario online, que será de carácter anónimo, poderá cubrirse ata o 19 de decembro. O enderezo web é o seguinte: www.plandemobilidade.com/guitiriz.

Dita consulta virá a sumarse ás mesas de participación cidadá, na que os diferentes colectivos e a veciñanza interesada poderán participar en horarios de mañá e tarde en dependencias municipais nunha data aínda por decidir. De xeito adicional poderán enviarse suxestións ao correo electrónico guitiriz@plandemobilidade.com. Tamén haberá entrevistas con axentes chave.

A necesidade de desenvolver un Plan de Mobilidade no Concello de Guitiriz xorde a raíz da crecente preocupación polo medio ambiente e o fomento de modos de transporte sustentables. O Plan comezará cunha fase inicial de toma de datos e análise da situación actual, fase tras a cal procederase á diagnose dos problemas concretos de Guitiriz en canto á mobilidade e uso do espazo público. Este proceso permitirá orientar a busca de solucións, propostas e conclusións que axuden a mellorar a mobilidade actual no ámbito da sustentabilidade.

0.16418313980103