Guitiriz inicia a súa andaina no Plan para un desenvolvemento sostible
O Concello de Guitiriz dá comezo á andaina que o levará a contar cun Plan para a implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e o cumprimento da Axenda 2030.
Este proxecto, que nace da man do Fondo Galego de Cooperación Internacional, divídese en tres fases:
A primeira consiste na realización dun diagnóstico inicial sobre o cumprimento actual da Axenda 2030 no Concello de Guitiriz. Farase a través dunha metodoloxía participativa, contando con todos os axentes sociais.
Na segunda xa se entrará de cheo na elaboración do Plan municipal de implementación dos ODS, no que se plasmarán accións con medidas concretas que poidan executarse nos próximos tres anos para avanzar no cumprimento da Axenda 2030 e dos 17 ODS.
A terceira e última fase coa que se rematará este proceso consistirá no deseño dunha ferramenta para o seguimento do Plan e a medición do impacto que está a ter no municipio e na cidadanía, establecendo indicadores e metas concretas para cada un dos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.
Paralelamente, realizaranse actividades de comunicación e divulgación co fin de transferir o impacto á comunidade local.