Guitiriz inicia os trámites para construír unha residencia de maiores na Casa da Botica
O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e a alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín Rodríguez, asinaron o convenio de colaboración para a construción na Casa da Botica dunha residencia con capacidade para 52 maiores. O proxecto inclúe 26 habitacións con posibilidade de seren dobres.
O convenio contempla unha achega da Deputación de un millón de euros para a construción do centro de atención a persoas maiores no municipio de Guitiriz mediante a rehabilitación do edificio municipal da Casa do Botica. O Concello ten a obriga de pór á disposición os terreos, feito que xa fixo; así como facer unha achega económica de 200.000 euros. A alcaldesa explicou que reduciu os gastos políticos da Corporación Municipal, aforrando esta mesma cantidade que destinou a este proxecto.
Residencia na Casa da Botica e Centro de Día na Casa dos Peóns Camiñeiros
A Deputación elaborou un novo proxecto, pois onde antes se ía a construír unha residencia e centro de día, agora exclusivamente se fai a residencia, pois a alcaldesa habilitou e mellorou a Antiga Casa dos Peóns Camiñeiros, que é de titularidade municipal, dándolle un uso social, pois nela estase a construir o Centro de Día. Isto permitiu ampliar o número de prazas de residencia na Casa da Botica.
O Concello xa acondicionou o exterior a Antiga Casa dos Peóns Camiñeiros. Estas instalación terán capacidade para 12 prazas en centro de día, logo de que a Xunta de Galicia reducise en 6 as prazas, pois buscábase ofrecer nesta infraestrutura 18. Deste xeito grazas ao esforzo de Deputación e Concello, Guitiriz disporá dunha residencia na Casa da Botica, con capacidade para 52 maiores e un centro de día para outros 12 veciños, sumando no seu conxunto 64 prazas.
Reiterada negativa do PP
Campos Conde lembrou que “coa construción desta residencia, Deputación e Concello saldamos unha débeda histórica cos veciños de Guitiriz, ofrecéndolles unha infraestrutura social na que os maiores do Concello, e tamén da bisbarra, poderán recibir atención profesional preto das súas casas. Facémolo dentro da nosa aposta por ser unha Deputación coas persoas, sumamente social, e coas persoas”. O Presidente avanzou que a previsión é licitar as obras na Casa da Botica no mes de setembro para poder inicialas este mesmo ano.
Regina Polín lembrou que “se trata dun proxecto que sempre defendín dende que son a Alcaldesa, e que, nos pasados días, contou coa oposición do Partido Popular. De feito, no último pleno municipal os Concelleiros do PP volveron a votaron en contra da construción desta residencia”
A Alcaldesa valorou que se trata dunha infraestrutura moi demandada pois a realidade é que hai ducias de veciños de Guitiriz que están en centros de Castro de Rei, O Incio, Quiroga ou Outeiro de Rei porque no seu Concello non contan con esta prestación, que Deputación e Concello acordaron impulsar.
Campos Conde e Polín Rodríguez informaron que o Concello está a traballar na concesión da licencia, coa previsión de facelo nas vindeiras semanas. De seguido, e logo de ter a licenza de obra, poderanse licitar estes traballos por parte da Deputación, contando coa previsión de facelo en setembro. O obxectivo é poder poñen en marcha estas actuacións antes de rematar este mesmo ano.
Características do novo proxecto da residencia
O Goberno da Deputación tivo que elaborar un novo proxecto para a construción da Residencia na Casa da Botica no Concello de Guitiriz xa que a xestión da Alcaldesa permitiu que no municipio se estea a construír un centro de día, o que fixo posible incrementar ata as 52 as prazas de residencia.
O conxunto final da edificación da Casa da Botica constará de tres plantas e disporá de 26 habitacións individuais para uso normal, que poden converterse en habitacións dobres, e 1 habitación, a maiores, para uso de enfermería por residentes que precisen unha atención sanitaria importante.
A planta baixa do edificio existente reformarase para albergar a cociña e zonas de servizo anexas, o comedor, o despacho de dirección, os aseos adaptados e unha sala de reunións, así como un distribuidor e unhas escaleiras que comunicarán esta planta coas superiores. Na zona de nova construción situarase o acceso principal da residencia, a recepción, o monta-padiolas (que servirá tamén de ascensor), un pequeno almacén de roupa, 5 dormitorios para residentes, con cuarto de baño adaptado cada un deles, así como os vestiarios e aseos do persoal. Nesta parte do edificio situarase outra escaleira que unirá esta planta coas altas.
A primeira planta albergará na zona do edificio existente unha sala multiuso, un local para fisioterapia, un ximnasio, un despacho médico, unha habitación de enfermería con baño incorporado adaptado, e dous aseos para uso para uso xeral adaptados. Na parte de nova construción haberá 6 habitacións cada unha delas cun baño adaptado incorporado e un local para baño geriátrico, así como unha pequena zona de estar.
Na segunda planta, na parte correspondente ao edificio existente, haberá 9 habitacións cada unha delas con baño adaptado incorporado, mentres que a parte de nova construción albergará 6 habitacións con baño adaptado cada unha, así como un pequeno local para almacén e útiles de limpeza.