Guitiriz inicia unha campaña contra os estereotipos de xénero no 8M
“O obxectivo é facer ver que o masculino non é o oposto ao feminino, que as novas masculinidades tamén son unha forma de feminismo” explicou Marisol Morandeira.
O Concello de Guitiriz presentou na Casa Habanera a súa campaña para conmemorar o 8M, Día Internacional da Muller, que a través do lema Nin ela, nin el, NÓS somos feminismo busca rachar cos estereotipos asociados ao xénero.
No acto deuse a coñecer o vídeo e o cartel da campaña, nos que as persoas protagonistas son veciñas e veciños de Guitiriz que rachan con eses estereotipos. Concecion Ribeiro Magalhaes, traballadora forestal; Roberto Santamariña Amenedo, pandeireteiro; Julia Saavedra Gayoso, informática e deseñadora gráfica; Danniel Andrew Whitten Losada, un rapaz que non ten medo a expresar a súa liberdade; Julia Vidal Barcón, que asume gran parte do traballo físico dunha granxa; e Secundino Trinidad Jove, que se encarga de coidar aos seus maiores no día a día.
Estas persoas expresan, no vídeo e no cartel, que non hai diferencias entre eles, nin persoais, nin laborais nin de ningún outro tipo. Co seu berro de Eu son feminismo deixan claro que o feminismo non se asocia a ningún colectivo ou xénero, que o feminismo somos todos e todas.
“A campaña, que se estenderá durante todo este mes de marzo, ten o obxectivo de facer ver que a masculinidade non é o oposto ao feminino, que as novas masculinidades tamén son unha forma de feminismo” explicou a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, que subliñou que “quizás é o momento de explicar ben o que é o feminismo”.
A campaña está financiada a través dos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade.
Outras acción polo 8M
No acto Marisol Morandeira aproveitou para presentar o resto de accións impulsadas polo Concello para conmemorar o 8M, entre as que se atopa a edición dun libro dos Bolechas que versa sobre igualdade e que se lle entregará ao alumnado dos centros educativos e tamén a manifestación que se celebrará o 8 de marzo ás 19 horas no Campo da Feira e que incluirá un obradoiro de pancartas (17:30 horas).