Guitiriz modifica o programa da Cabalgata de Reis por mor das previsións meteorolóxicas
O Concello de Guitiriz modifica a súa programación especial da fin de semana para celebrar o Día de Reis por mor das condicións climatolóxicas adversas previstas para a xornada do domingo, 5 de xaneiro.
Desta maneira, o evento organizado polo Concello e a Asociación Xermolos constará de dúas actividades diferentes. O sábado 4 de xaneiro a carroza dos Reis Magos atravesará as rúas de Parga, comezando o seu percorrido ás 11:00 horas desde o CIT, e de Guitiriz, iniciando ás 12:00 horas desde Ponteveiga.
Posteriormente, o domingo 5 de xaneiro, terá lugar o recibimento no Pavillón Municipal Jonathan Carro Paz, que dará comezo a partir das 17:30 horas. A cita estará animada pola música de Bloquinho de Xermolos, Na Casa Zoqueiro, Caivanca e da Escola de Música Tradicional de Xermolos, e haberá chocolate para todos os asistentes.