Guitiriz ofrece un curso de primeiros auxilios para formar á veciñanza en actuacións de emerxencia

TerraChaXa
A iniciativa desenvolverase os días 7 e 8 de xullo na Escola Habanera cun máximo de 15 prazas por sesión
cursos-Guitiriz
28 Jun 2025

O Concello de Guitiriz celebrará os días 7 e 8 de xullo un curso teórico–práctico de primeiros auxilios dirixido a persoas que desexen adquirir coñecementos básicos para actuar con seguridade e eficacia ante situacións de emerxencia.

A actividade terá lugar na Escola Habanera en horario de 16:00 a 19:00 horas e será impartida polo doutor Javier Sánchez Rodríguez-Losada.

Cada unha das sesións contará co mesmo contido, polo que as persoas interesadas deberán elixir unha única data para a súa asistencia. O curso ofrecerá formación práctica e útil sobre o uso de desfibriladores, técnicas de reanimación cardiopulmonar (RCP), manobras ante atragantamentos e aplicación correcta da posición lateral de seguridade tanto en adultos como en menores.

O número de prazas está limitado a un máximo de 15 por xornada, polo que as inscricións permanecerán abertas no departamento de Asuntos Sociais do Concello (extensión 1) ata completarse o aforo dispoñible.

Con esta acción formativa, o Concello de Guitiriz reafirma o seu compromiso coa saúde, a prevención e o benestar da veciñanza, promovendo a difusión de ferramentas que poden resultar decisivas na vida cotiá.

⚙ Configurar cookies
0.16448903083801