Guitiriz organiza actividades para conmemorar o Día de Rosalía

TerraChaXa
O Concello de Guitiriz programou unha serie de actividades para conmemorar o Día de Rosalía, que se celebra o 24 de febreiro.
12 Feb 2020

O Concello de Guitiriz programou unha serie de actividades para conmemorar o Día de Rosalía, que se celebra o 24 de febreiro. O obxectivo das accións deseñadas é exaltar o que é propio, aproveitando que o 21 de febreiro tamén se celebra o Día da Lingua Materna.

As actividades comezarán hoxe mércores 12 de febreiro, co Paraugas da Fala que se trasladará ao mercado a partir das 11:30 horas e dará a coñecer a figura de Rosalía de Castro e tamén da Biblioteca Pública Municipal da Casa Habanera a través de xogos, adiviñanzas, xeroglíficos, sopas de letras, música...

Xa está en marcha a segunda das accións programadas, denominada Aquí e acolá. A través desta iniciativa os veciños e veciñas dos concellos de Guitiriz e Pontesampaio están a intercambiarse correos postais nos que describen cadanseu pobo, a súa historia, tradicións, alcumes... O obxectivo é incentivar a escritura en galego a través da costume de enviar correos postais, que se está a perder na actualidade.

Por último, o propio día 24, levarase a cabo un acto institucional na Casa Habanera polo que os membros do goberno local e todos os veciños e veciñas de Guitiriz que o desexen poderán ler en público un texto de Rosalía de Castro.

Ademais, ese mesmo día, inaugurarase unha exposición relacionada con Rosalía que permanecerá na Casa Habanera ata finais do mes de marzo.

0.1945629119873