Guitiriz organiza un curso sobre repouso e sono con certificación oficial

O Concello de Guitiriz acollerá o curso ‘Repouso e sono’, unha actividade formativa que terá lugar o vindeiro 10 de abril en horario de 16:00 a 18:30 horas na Escola Habanera e que contará con certificado oficial para todas as persoas participantes.
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o xoves 9 de abril e poderá formalizarse a través dos Servizos Sociais municipais, mediante contacto telefónico no número 982 370 109 (Ext. 1).
A formación será impartida pola enfermeira da Área Sanitaria de Lugo Olga Roca, quen abordará cuestións fundamentais relacionadas coa calidade do descanso e os hábitos de sono.
Entre os contidos previstos inclúense o estudo do ciclo do sono e a súa evolución ao longo da idade, así como a relación entre o descanso e funcións vitais como a memoria ou o estado de ánimo. Tamén se analizarán os factores que poden influír negativamente no sono, tanto de carácter físico como psicolóxico, incluíndo o consumo de substancias estimulantes.
Ademais, o curso tratará problemáticas frecuentes como a somnolencia diúrna, a apnea do sono ou o síndrome de pernas inquietas, ao tempo que ofrecerá ferramentas prácticas para mellorar o descanso sen recorrer á medicación, como a hixiene do sono, técnicas de relaxación e o apoio emocional.