Guitiriz, Parga e Os Vilares centran a celebración de Entroido
O Concello de Guitiriz preparou unha extensa programación para festexar o Entroido 2020. Haberá celebracións en Guitiriz, en Parga e nos Vilares, e comezarán o sábado 22 de febreiro.
O entroido de Parga comezará ás 20:00 horas na Escola Vella. Haberá degustación de filloas e moitas sorpresas máis. Sortearase un bono dunha cea e un aloxamento para dúas persoas con almorzo en Arrebol Casa Rural.
Nos Vilares, ás 16:30 horas haberá concentración na escola da Conchada. Ás 17:00 horas sairase correr o Entroido polas aldeas e ás 20:00 horas haberá chocolatada de balde, degustación de produtos típicos e o sorteo do Goxo do Entroido.
Tamén o sábado 22 de febreiro terá lugar en Guitiriz o ‘Entroido Miúdo’ polos bares de Guitiriz. Haberá concurso de disfraces e o único requisito para participar é que nas comparsas haxa rapazada.
Pedrafita tamén será testemuña do Entroido, a partir das 12:00 horas co desfile de disfraces polas aldeas. O fin de festa celebrarase coa entrega dos agasallos na escola.
O luns 24 de febreiro terá lugar o concurso de disfraces con 700 euros en premios, a partir das 20:00 horas nos locais de hostalaría de Guitiriz.
O martes 25 de febreiro, as rúas de Guitiriz recibirán novamente a celebración do Entroido, con saída ás 17:00 horas da Ponteveiga, e chegada ás 18:00 horas no pavillón municipal.
Premios
Haberá premios para as mellores comparsas: 200 euros e cesta de produtos típicos para a mellor comparsa; 70 euros para a agrupación máis orixinal; 70 euros para a que presente a mellor música, 70 euros para a comparsa con máis humor e 70 euros para a máis elaborada.
O premio de máscaras será individual e por parellas. Na primeira categoría, repartiranse o primeiro premio, dotado con 50 euros, o segundo premio, dotado con 20 euros, e o terceiro premio, de 15 euros. Na categoría por parellas, o primeiro premio serán 60 euros, o segundo premio serán 40 euros e o terceiro, 30 euros.