Guitiriz pecha o programa de rutas cun percorrido polo Monte dos Vilares

TerraChaXa
As inscricións son gratuítas e estarán abertas ata este xoves, 18 de decembro
A-Ruta-dos-Muinos-do-Rio-das-Gandaras-guitiriz-en-Ruta
17 Dec 2025

Guitiriz despedirá este domingo, 21 de decembro, a sétima edición do programa Guitiriz en Ruta coa celebración da Ruta do Monte dos Vilares, a última andaina tanto do ano 2025 como do calendario desta iniciativa posta en marcha polas Escolas Deportivas Municipais e o Concello de Guitiriz.

A ruta contará cun percorrido aproximado de 15 quilómetros e presenta unha dificultade baixa, marcada unicamente pola distancia, xa que non inclúe subidas pronunciadas nin presenta dificultades técnicas. A andaina transcorrerá por pistas e camiños de monte, incluíndo unha visita ao miradoiro do Monte dos Vilares, un dos puntos destacados do itinerario.

A saída está programada para as 10:00 horas desde a área recreativa do pantano de San Xoán, lugar no que tamén se realizará a chegada, prevista arredor das 14:00 horas. Ao tratarse dunha actividade de mañá, recoméndase ás persoas participantes levar auga e algo de comida para picar durante o percorrido.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata este xoves, 18 de decembro, ás 15:00 horas. A participación é de balde e as persoas interesadas poden anotarse no Concello de Guitiriz, de maneira presencial ou chamando ao teléfono 982 37 01 09.

A ruta está aberta ao público en xeral, aínda que os menores de idade deberán participar acompañados dunha persoa adulta.

Con esta última andaina, o Concello de Guitiriz pon o broche final a unha nova edición do programa Guitiriz en Ruta, xa asentado no municipio e co que se busca promover a práctica deportiva entre a veciñanza.

⚙ Configurar cookies
0.081496953964233