Guitiriz pon en marcha o servizo de recollida de plásticos agrícolas
O Concello de Guitiriz habilita un novo servizo de recollidas puntuais de plásticos agrícolas para as explotacións do municipio.
Para facer uso desta nova iniciativa, que xa está en marcha, as persoas interesadas teñen que deixar aviso no Concello, chamando ao teléfono 982 370 109 e desde a administración local poñeranse en contacto para concretar o día de recollida.
Os plásticos, que os gandeiros e agricultores teñen que dobrar e empacar da mellor maneira posible, deberán estar depositados nun lugar de fácil acceso e cumprir unha serie de requisitos: ter a menor suciedade posible, procedente de terra, herba ou materia orgánica; e evitar conter outras materias impropias (tubaxes de PVC, garrafas, sacos big-bag, rodas…) xa que poden dificultar os traballos de reciclaxe. Nestes casos, será rexeita a recollida.
No mes de xuño o Concello de Guitiriz decidiu desmantelar os cinco puntos de acopio e recollida de plásticos agrícolas dos que dispoñía en Santa Cruz, Pígara, Mariz, Os Vilares e San Breixo. Tomou esta decisión tras constatar o mal uso que se estaba a facer destas zonas, depositando de xeito reiterado todo tipo de residuos impropios.
A administración local informou desta decisión á veciñanza a través dun bando municipal asinado pola alcaldesa, Marisol Morandeira, no que tamén se avisa que queda prohibido o depósito de calquera tipo de residuo nos mesmos.