Guitiriz presenta un orzamento de 5,5 millóns de euros para 2025
O goberno local de Guitiriz presentará este xoves, 9 de xaneiro, en pleno extraordinario (8:30 horas) o orzamento do Concello para o ano 2025. Un documento equilibrado e axustado en gastos e ingresos que ascende a 5.511.441,60 euros, unha cantidade semellante á do ano 2024.
A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, destaca que “neste ano mantemos a aposta polas políticas sociais de anos anteriores, amosando o noso compromiso por continuar ofrecendo servizos moi importantes para a veciñanza sen ter que recorrer á externalización”.
Algo que, segundo explica a rexedora, “é innegociable desde a nosa chegada, pois a máxima deste goberno sempre foi manter os servizos aos guitiricenses cunha clara aposta polo público, ao tempo que mantemos ou intentamos mellorar as infraestruturas ou outros servizos importantes para a veciñanza”.
Por outra banda, Morandeira tamén apunta a que “é un orzamento dinámico e vivo, ao igual que todos os anos, que irá incrementando a partida de investimentos ao longo do exercicio grazas ás achegas pendentes doutras administracións e á incorporación de suplementos de crédito, reflectindo a forte situación económica do Concello”.
Investimentos
O anexo de investimentos ascende este ano a 139,643,06 euros, que se dividen nas seguintes intervencións; Mellora de accesos a Ixavra e Penabico dentro do Plan de Mellora de Camiños 2024-2025 (50.611,64 euros), Aportación Municipal para a Mellora de Camiños (20.000 euros), Estudo de Rede Viaria (12.100 euros), Obra de Urbanización do ARI Buriz (45.000 euros), Certificación final de obra de mellora de cuberta e parámetros exteriores do pavillón municipal (7.611,42 euros) e Aportación municipal para convenio para a obra de renovación do colector paralelo á Vía do Ferrocarril (4.320 euros).
Con todo, cóntase con incrementar a partida de investimentos ao longo do exercicio a través das achegas doutras administracións e coa incorporación de suplementos de crédito, o que posibilitará novas intervencións en caso de que sexa preciso.
Orzamento social
O apartado de gastos correntes ascende a 5.354.298,54 euros, nos que destacan os destinados ao persoal municipal e que se xustifican en que a maior parte dos servizos ofréceos o Concello sen recorrer á externalización (servizos sociais, recollida de lixo, mantemento de espazos públicos, de potabilizadoras e depuradoras…).
Auméntase a consignación de crédito para a concesión de subvencións a asociacións e entidades sen ánimo de lucro, axudas de emerxencia social, bolsas de formación, material escolar, axudas ao transporte e outras de ámbito educativo, cun total de 77.300 euros.
Marisol Morandeira destaca que, con respecto ao orzamento do ano 2024, hai un incremento de 634.966,69 euros dado á suba do prezo dos subministros, como por exemplo o gasóleo, a electricidade e outros servizos prestados por empresas que subiron as súas tarifas, como por exemplo no mantemento de instalacións, mantemento de vehículos, produtos para depuradoras e a consignación do contrato mixto de subministración da enerxía eléctrica e o contrato do servizo complementario de axuda no fogar.
No apartado de dinamización social, turística, económica e de promoción, continúa a aposta firme por potenciar o turismo e os produtos locais de Guitiriz, a través dos múltiples atractivos que ofrece o concello e facendo valer o seu rico patrimonio natural e arquitectónico.