Guitiriz presenta un orzamento de máis de 5,8 millóns de euros para 2026

TerraChaXa
Mantense o elevado gasto en persoal derivado da gran oferta de servizos públicos no municipio, explica Morandeira
marisol-morandeira-alcaldesa-de-guitiriz
2 Dec 2025

O Concello de Guitiriz presentará este xoves, 4 de decembro, ás 9:30 horas nun pleno extraordinario, o orzamento municipal para o ano 2026. Un documento equilibrado entre gastos e ingresos que ascende a 5.836.865,11 euros, o que supón un incremento de 325.423,51 euros respecto ao exercicio anterior.

A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, destaca que “este orzamento para 2026 reafirma, unha vez máis, a nosa aposta decidida polos servizos públicos, garantindo que a veciñanza siga recibindo unha atención de calidade”. Engadiu tamén que “o incremento responde á vontade deste goberno de continuar fortalecendo os servizos esenciais e a estrutura municipal, mantendo un modelo baseado no público e na proximidade”.

Morandeira subliña que “presentamos un documento equilibrado e responsable, que permite afrontar con garantías o aumento dos gastos derivados da suba dos prezos nos subministros e noutros servizos prestados por empresas externas, ao tempo que mantemos unha elevada inversión en recursos humanos para seguir ofrecendo directamente a maior parte dos servizos municipais”.

O capítulo de gastos correntes acada os 5.681.072,37 euros, o que representa un 97,33% do total. Neste apartado sobresaen os gastos vinculados ao persoal municipal, motivados pola decisión de manter a prestación directa de numerosos servizos: sociais, mantemento de espazos públicos, potabilizadoras, depuradoras e outros.

Tamén aumenta a consignación destinada a subvencións a asociacións e entidades sen ánimo de lucro, axudas de emerxencia social, bolsas de formación, material escolar, transporte e outras axudas educativas, cun importe total de 81.800 euros.

Os gastos en bens correntes aumentan en 359.083,31 euros respecto a 2025, debido ao incremento dos custes de subministros como gasóleo ou electricidade, así como ás subas nas tarifas nalgúns servizos prestados por empresas externas (mantemento de instalacións e vehículos, produtos para depuradoras…).

No apartado de dinamización social, turística, económica e de promoción, continúa a aposta firme por potenciar o turismo e os produtos locais de Guitiriz, a través dos múltiples atractivos que ofrece o concello e facendo valer o seu rico patrimonio natural e arquitectónico.

⚙ Configurar cookies
0.076824188232422