Guitiriz presenta uns orzamentos sociais valorados en 4,39 millóns de euros

TerraChaXa
O goberno local de Guitiriz presentará este xoves no pleno (19:30 horas) os orzamentos do Concello para o ano 2020.
pontes
27 Nov 2019

O goberno local de Guitiriz presentará este xoves no pleno (19:30 horas) os orzamentos do Concello para o ano 2020. Un documento equilibrado en gastos e ingresos que ascende a 4.396.699,01 euros e que a alcaldesa, Marisol Morandeira, cualificou como “eminentemente social”.

O crecemento en 2020 con respecto ao exercicio anterior é de 2.717,53 euros, un leve aumento que se debe a que en 2019 houbo un ingreso extraordinario por atrasos no IBI de 2017 que se fixo efectivo o pasado ano.

Marisol Morandeira explicou que “este orzamento está pensado para atender ás necesidades dos traballadores municipais e para dar un servizo aceptable aos veciños e veciñas, con especial atención ás persoas maiores e nenos, ademais de loitar polas familias traballadoras” e destacou que “un ano máis o Concello atenderá a todos os seus compromisos e investimentos sen necesidade de acudir a endebedamento”.

Orzamento social

O apartado de gastos correntes ascende a 4.200.399,01 euros nos que destacan os destinados ao persoal municipal e que se xustifican en que a maior parte dos servizos ofréceos o Concello sen recorrer á externalización (servizos sociais, recollida de lixo, mantemento de espazos públicos, de potabilizadoras e depuradoras…).

O Concello de Guitiriz conta cun servizo de Axuda no Fogar que se mantén con medios propios e que neste momento conta con 34 traballadoras municipais, para as que tamén se contempla unha partida de 40.000 euros para sufragar os gastos de desprazamento que teñen que afrontar nos seus coches para prestar o servizo en domicilios moi distantes uns doutros.

Ademais, tamén se valora neste orzamento unha nova modificación da RPT, consistente na creación de varias prazas coa posterior convocatoria dos procesos selectivos. O obxectivo é regularizar a situación na que se atopan moitos traballadores do Concello.

Doutra banda, dótase con 60.000 euros a un fondo de continxencia para facer fronte a gastos de persoal e inclúense tres prazas de peóns xa que existe a posibilidade de ter que readmitir aos traballadores despedidos do GES. “Un problema herdado do que non podemos negar a súa existencia e para o que debemos estar preparados”, aclarou a alcaldesa.

Tamén se inclúen neste apartado 85.500 euros para a concesión de subvencións a asociacións e de emerxencia social a familias e particulares, e tamén para bolsas de formación, material escolar e axudas ao transporte.

Investimentos

O anexo de investimentos ascende este ano a 183.800 euros, unha cantidade á que aínda faltarían por sumar as obras con cargo ao Plan Único da Deputación de Lugo, as do canon ambiental e as posibles subvencións que se poidan obter doutras administracións.

Marisol Morandeira explicou que neste capítulo “pretendíase ser máis ambicioso pero cuestións como o fondo de continxencia previsto para o GES impediron que se poida sumar esta cantidade para levar a cabo diferentes obras”.

Entre as partidas para destacar do anexo de investimentos está a reserva de crédito de 50.000 euros para o proxecto de modernización da planta potabilizadora co obxectivo de mellorar a calidade da auga en Guitiriz, os 40.000 euros para a reforma estrutural do edificio do Concello que permitirá resolver deficiencias estruturais nas diferentes estancias, e os 70.000 euros reservados para a mellora de camiños en todo o municipio.

No apartado de dinamización social, turística, económica e de promoción existe unha proposta firme de promocionar os produtos locais e o potencial ambiental dos diferentes espazos do municipio.

Por último, a situación de tesourería do Concello de Guitiriz é boa, conta cun remanente de 2.343.619,53 euros do que, debido á lexislación vixente, só se pode facer uso deste para investimentos financeiramente sustentables.

0.19529414176941