Guitiriz presentou o seu programa de Nadal que arranca o día 18 co acendido do alumeado
O Concello de Guitiriz presentou hoxe, xoves 12 de decembro, a programación de actividades para o Nadal, unha proposta con opcións para todos os gustos e idades que arrincará o mércores 18 de decembro co acendido da iluminación e se desenvolverá paralelamente á campaña de promoción do comercio local.
A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, e a primeira tenente de alcalde, Paula Campo, presentaron na Escola Habanera as diferentes propostas das que poderán desfrutar os veciños e veciñas de Guitiriz do 18 de decembro ao 5 de xaneiro. Estiveron acompañadas dunha representación dos comerciantes que participan na campaña de Nadal: Toñita Martínez, de Videotel; Javier Pardo, da Perrucaría Borea e Carmen Campello, de Mosquito.
Marisol Morandeira destacou “a ampla e variada proposta de actividades que ofrecemos este ano” e amosouse “agradecida aos comercios que participan na campaña”. “No goberno local estamos implicados co noso comercio e a nosa intención é a de facer máis iniciativas deste tipo”, salientou.
A rexedora tamén sinalou a proposta que xurdiu dos propios comerciantes de instalar Buzóns Reais para que os nenos e nenas que visiten os establecementos poidan cubrir alí a súa carta coas peticións aos Reis Magos. “Ademais todos os locais que participan na campaña compartirán a mesma decoración de Nadal, para ser recoñecibles”, indicou.
Opcións para todos os gustos
O venres 20 de decembro inaugurarase na Biblioteca Pública Municipal a exposición Luces de Alén Mar. As escolas de americanos en Galicia, unha mostra do Consello da Cultura Galega que vén a subliñar, dunha parte, a dimensión da efeméride do centenario fundacional das Sociedades Galegas de Instrución radicadas en América e, doutra, as súas realizacións académicas nas localidades de procedencia dos emigrantes. Poderá visitarse ata o 21 de febreiro de luns a venres en horario de 9 a 14 horas.
O sábado 21 de decembro a Biblioteca Pública Municipal participa no proxecto El Día Más Corto (ED+C), unha celebración internacional de curtametraxes para todos os públicos, co obxectivo de achegar o cinema aos nenos e nenas. Desde as 17 horas proxectaranse 6 curtametraxes: Ciao Peskao, El origen de las estrellas, La pesadilla de un moco, To bird or not to bird, Fallin, Kapitan.
O luns 23 de decembro terá lugar na aula CeMIT a actividade Experimenta a realidade, descubre o mundo virtual. De 10 a 14 horas poranse a disposición da veciñanza unhas lentes de realidade virtual. O obxectivo é achegar a esta innovadora ferramenta á comunidade, mostrando como pode transformar a forma en que vivimos, xogamos e aprendemos.
O xoves 26 e o venres 27 de decembro viviranse dúas xornadas festivas na nave do Senpa, onde se instalarán inchables e se levarán a cabo diferentes obradoiros guiados por monitores e con temática de Nadal.
O luns 30 de decembro celebraranse dous campionatos, un de videoxogos de 10 a 13:30 horas na Casa Habanera e outro de tenis de mesa de 16 a 19 horas na nave do Senpa. Para o de videoxogos haberá que inscribirse previamente, por parellas, no teléfono 982 370 062 ou no correo biblioteca@concellodeguitiriz.com, sendo 8 anos a idade mínima para participar. Para anotarse no I Torneo de Tenis de Mesa hai que enviar un correo a guitiriztm@gmail.com antes do 26 de decembro. Ese mesmo día tamén se levará a cabo o troco de libros, en horario de 10:30 a 13:30 horas e de 16:30 a 19:30 horas.
A programación de Nadal rematará o domingo 5 de xaneiro coa tradicional cabalgata dos Reis Magos, na que as Súas Maxestades de Oriente percorrerán as rúas do municipio.
Ademais, de xeito paralelo, o 2, 3 e 4 de xaneiro poderase participar na Aula CeMIT dun campamento dixital dirixido a nenos e nenas de 9 a 11 anos. Terá lugar de 10 a 14 horas e realizase en colaboración coa Fundación Cibervoluntarios.
Campaña de comercio
O Concello, en colaboración cos empresarios do municipio, repartirá este ano varios premios cada día de luns a venres e un vale de 500 euros na súa campaña de promoción do comercio local polo Nadal.
A campaña consiste no reparto de varios premios diarios, que serán entregados de luns a venres polos comercios participantes desde o 19 de decembro ata o 3 de xaneiro. Posteriormente, o Día de Reis haberá un premio especial dun vale de 500 euros para gastar nos comercios de Guitiriz.
As persoas gañadoras serán aquelas que a súa papeleta coincida cos catro últimos números dos sorteos diarios do cupón da ONCE, agás no último premio, cuxo gañador ou gañadora será a persoa que teña a papeleta que coincida cos catro últimos números do sorteo de El Niño da Lotería Nacional.
Cada comercio elixirá o regalo e fará a entrega do mesmo á persoa gañadora. Os 38 establecementos participantes repartirán as rifas para os sorteos e estableceranse quendas para determinar que comercios sortearán cada día, que serán publicadas nas redes sociais do Concello.
A persoa gañadora do vale de 500 euros terá que gastalos nun mesmo día en diferentes comercios do Concello de Guitiriz antes do 31 de xaneiro de 2025, tendo que facer mínimo unha compra en Parga.
Na iniciativa participan empresas de distinta índole: desde comercios de roupa, alimentación, ferreterías, salóns de peiteados, tendas de fotografía etc.
Os comercios participantes son os seguintes: Libraría Castaño, A Badorna, Ialar cortinas, Perrucaría Angeles A.Costa, Agrocomercial Abelleira, Fotografía Kantero, Anitta Chic, Droguería Cheno, Videotel, Mosquito, Estanco, Alimentación Lolita, Mercería Entrefios, Zapatería Armería Guitisport, Perrucaría Borea, Taperia O Korreo, Modas Sanjurjo, Frutas La Maja, Carnicería Vitorio, Perrucaría Zalois, Supermercado Día, Bar A Capela, Nimbos, Floristería Teixido, Perrucaría Silvia Pardo, Ximnasio Vita Flesx Gym, Panadería Gómez, Restaurante Gaibor, Feixe, Restaurante La Casilla, Sara Sanjiao Estilista, Coluga, Nistal, Muebles Prado, Sonycar Aparellos, Supermercado Gadis, Ferretería Amador e Panadería La Esquina.
A tenente de alcalde, Paula Prado, fixo fincapé na importancia de “non tirar ningunha rifa xa que, por unha banda, o número pode tocar noutro día e, pola outra, serve para seguir participando no resto de sorteos e no último sorteo de 500 euros”.