Guitiriz proxecta construír unha escola infantil
A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, presentoulle ao xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, un proxecto valorado en 478.766,75 euros para construír unha escola infantil de 0 a 3 anos con 3 unidades.
A mellora do servizo de atención infantil é unha urxencia para o Concello de Guitiriz, xa que o actual Punto de Atención á Infancia conta cunha ampla lista de agarda ao ter só 20 prazas para o rango de idade entre 0 e 3 anos, e tamén é unha demanda recorrente da alcaldesa, que no 2019 acadara o compromiso da conselleira de Benestar Social, Fabiola García, para buscar algunha solución.
Marisol Morandeira lembra que “a finais do ano 2019 os técnicos da Consellería visitaron as instalacións do PAI e concluíron que a súa ampliación era inviable polo que a única solución era a creación dun novo edificio” e “debido á ausencia de novas ao respecto decidimos elaborar nós o proxecto para a súa construción, que deberá ser a base para negociar o seu financiamento”.
Unha escola infantil totalmente equipada
O proxecto propón o emprazamento do edificio nun espazo dentro do recinto do CEIP Lagostelle, situado detrás do pavillón, e que actualmente é unha zona con herba.
A nova escola infantil, que permitirá dar resposta á demanda das familias actuais e futuras, executarase nunha edificación de planta baixa totalmente equipada. Na súa zona sur situaranse as 3 aulas, que contarán con pequenos patios individuais diante de cada unha, e a orientación norte destinarase ao traballo administrativo, onde estará a sala de profesores, unha lavandería e haberá aseos e vestiarios. Entre estes dous bloques contémplase unha sala de usos múltiples que funcionará como comedor, unha cociña e tamén un gran espazo diáfano ao que se abren todas as estancias.
No exterior crearase un patio con zona cuberta e areeiro, outro de servizo e o acceso das familias proponse a través dun vestíbulo cuberto que estará situado entre a zona administrativa e a escolar e no que se habilitará un almacén de carriños. Ademais, está previsto urbanizar a rúa que dá acceso á parcela para resolver o tránsito rodado.
Adhesión ao programa ‘Xantar na casa’
A entrega deste proxecto por parte da alcaldesa levouse a cabo na Delegación da Xunta en Lugo previamente ao acto de firma do convenio polo que Guitiriz se adhire ao programa ‘Xantar na Casa’, que permitirá que persoas maiores que viven soas poidan recibir a comida de toda a semana, precociñada.
Este servizo estará sufragado polo Concello de Guitiriz, o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar e o propio usuario ou usuaria, que aportará unha pequena cantidade por comida e día. Os destinatarios son fundamentalmente persoas maiores con limitacións para poder garantir unha alimentación idónea.
Ademais de posibilitar unha alimentación idónea ‘Xantar na casa’ permite a vixilancia por parte dos axentes de reparto para detectar situacións de risco que, de ser o caso, serán trasladadas aos traballadores e traballadoras municipais.
Transporte público para 3 familias de Pígara
Marisol Morandeira aproveitou a presenza do delegado autonómico para a provincia, Javier Arias, para lembrarlle a urxencia de solucionar a situación das catro familias de Pígara que levan todo o curso sen dispor de transporte público para que os nenos vaian a clase.
“Non é de recibo que se manteña esta situación, as familias están asumindo uns gastos de preto de 200 euros mensuais que non lles corresponden para que os seus fillos e fillas poidan cursar estudos obrigatorios”, subliñou a rexedora.