Guitiriz recibe aos Reis Magos cunha cabalgata tradicional e unha tarde chea de actividades para a cativada

O Concello de Guitiriz acollerá mañá, luns 5 de xaneiro, a celebración da tradicional cabalgata dos Reis Magos, unha cita organizada polo propio Concello coa colaboración da Asociación Xermolos. A xornada arrancará ás 15:30 horas no Campo da Feira de Parga, punto desde o que Melchor, Gaspar e Baltasar iniciarán o seu percorrido e onde manterán un primeiro encontro coa cativada da zona.
Tras esta primeira parada, a comitiva real desprazarase ata a Casa do Concello de Guitiriz, onde ás 17:00 horas terá lugar unha recepción institucional. Desde o balcón municipal, os Reis Magos saudarán aos nenos e nenas que se acheguen para darlles a benvida e compartir con eles un dos momentos máis esperados destas datas.
A celebración continuará no Pavillón Municipal Jonathan Carro Paz, espazo no que as Súas Maxestades pasarán a tarde atendendo persoalmente aos máis pequenos e pequenas. Neste acto estarán acompañados pola alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, así como por outros membros do equipo de goberno municipal.
Durante a tarde, o ambiente festivo completarase cun programa de actuacións a cargo de Caivanca, o Bloquinho de Xermolos e a Escola de Música Tradicional de Xermolos. Ademais, o Concello ofrecerá chocolate con churros a todas as persoas asistentes, poñendo o broche doce a unha xornada pensada para o desfrute familiar.