Guitiriz recupera o concurso de tapas que se suspendeu pola pandemia no 2020
O tradicional concurso de tapas Que bo estás Guitiriz regresa tras dous anos de ausencia para celebrar a novena edición, que se desenvolverá entre o 27 de febreiro e o 5 de marzo. Foi no ano 2020 cando a oitava edición tivo que ser suspendida ao decretarse a cuarentena por mor da pandemia de covid-19.
Os locais participantes nesta ocasión serán CIT; Merendero e Os Castros nos Vilares; Xoldra, Soa, Nistal, Gaibor e O Korreo en Guitiriz.
Como nas edicións anteriores, os locais servirán tapas a un prezo único, nesta ocasión de tres euros unicamente en horario nocturno de 20.00 a 23.00 horas todos os días.
Para incentivar aos clientes, os que completen o percorrido poderán obtar a premios económicos de 600 euros para o primeiro, 400 para o segundo e 200 para o terceiro, todos eles acompañados dunha botella de Magnum.
O concurso volverá ter un fin social. De cada tapa, 5 céntimos irán para financiar o Día da Bici, xornada organizada polo club Btteiros Cova da Serpe, que era o proxecto do ano 2020 e que se retoma este ano xa que o concurso non chegou a rematarse nin a repartirse cartos.
O cartel co que se anuncia esta cita gastronómica foi elaborado pola veciña Julia Saavedra e esta foi presentada na xornada de hoxe polo presidente da Asociación Debares, Chicho de Nistal; a organizadora, Pili do Soa; o representante de Estrella Galicia Toño Roca e o patrocinador Ivan Latasa.
Colaboran neste evento Estrella Galicia, Automóviles Losada, Kantero Foto e o Concello de Guitiriz.