Guitiriz repartirá máis de 1.200 euros en premios no Entroido do 2026

O Concello de Guitiriz ultima os preparativos para a celebración do Entroido coa publicación das bases do 'Premio Especial Concello de Guitiriz' dentro do II Concurso de Disfraces e Comparsas. O evento terá lugar o propio martes de Entroido, 17 de febreiro, e ten o obxectivo de consolidar esta cita como unha festa de tradición popular que anime á cidadanía a participar dunha forma activa e divertida.
Para esta segunda edición, o Concello estableceu tres modalidades de participación con importantes premios económicos que suman un total de 1.245 euros, superando as cifras da edición anterior. As categorías e recompensas son as Comparsas (grupos de 6 ou máis participantes) cun premio único de 620 euros; Grupos (de 2 a 5 participantes) cun premio único de 375 euros, e individual (1 participante) e un premio único de 250 euros.
O prazo para inscribirse abrirá o luns 26 de xaneiro e finalizará o luns 16 de febreiro de 2026 ás 14:00 horas. As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición de dúas formas, de xeito presencial no Rexistro ou de forma telemática na Sede Electrónica do Concello de Guitiriz.
Para optar ao Premio Especial Concello de Guitiriz, é requisito indispensable estar empadroado no municipio. No caso da modalidade individual, o participante debe ser veciño de Guitiriz, mentres que nas modalidades de grupos e comparsas, esíxese que polo menos o 90% dos compoñentes estean empadroados no Concello na data de finalización do prazo de inscrición.
Un xurado formado por tres persoas de diferentes ámbitos e un secretario valorará as propostas durante o desfile. Para a puntuación teranse en conta aspectos como a confección e complexidade dos traxes (penalizando os disfraces comprados), a orixinalidade, a creatividade, a maquillaxe e a posta en escena.
Ademais, nas comparsas valorarase tamén a composición interxeracional do grupo. A música, se se desexa achegar, deberá enviarse previamente e non poderá exceder os 4 minutos de duración. Lémbrase tamén que non está permitida a participación de animais no desfile nin o uso de pirotecnia.
As bases completas e os formularios de inscrición están dispoñibles na web e no taboleiro de anuncios da sede electrónica municipal.