Guitiriz: Ruta da auga
Os lugares, historia e construcións, farán del un camiño moi recomendable.
Ademais da edificación do Concello e a fortaleza de San Paio de Narla, en Friol quedan aínda vestixios megalíticos e castrexos, os máis antigos que conserva este municipio. Esta terra foi tamén ocupada por romanos e visigodos.
Na Idade Media as familias Ulloa, Parga e Seixas repartíronse o poder neste termo e como boa mostra diso pódense ver as edificacións, torres e castelos, que ocupan o territorio: a torre de Friol, a fortaleza de San Paio de Narla, a torre de Miraz, o Pazo de Remesil e de Trasmonte.
A fortaleza de San Paio de Narla é de orixe descoñecida e foi reconstruída no século XVI por don Vasco de Seixas, señor da Casa Solar e Castro de Seixas e do Pazo de San Paio de Narla; fillo de Don Vasco de Seixas “o vello” e de María Álvarez de Sotomayor e neto de Don Vasco de Seixas, quen xa no século XIV era señor de San Paio, Osera, Chantada, Ferreira, Samos, Sobrado e Eiré. Participou na loita dinástica dos Trastámara en favor de Don Enrique. Naquela época quedou repartido o espazo señorial lucense entre apenas cinco familias: os Vázquez de Seixas, Ulloa, Lemos, Saavedra e Pardo.
Este roteiro pódese iniciar en Cotá por un carreiro entre árbores ata saír a un cruze de camiños cun curioso cruceiro que chama a atención porque lembra aos cruceiros irlandeses, por non ter columna e capitel. Levántase sobre unha estrutura de triplo paso e pedestal rectangular cuxo lado maior coincide cos brazos da cruz e toda ela está percorrida por unha decoración de círculos con radios curvos, dez en cada lado, que lembran as esvásticas celtas ou ben aos bubones alusivos á peste que aparecen nas cruces de peste bretoas dos SS XVI e XVII.
Nese mesmo cruze existe unha casa de pedra antiga cuns pendellos encostados á fachada. Estes usábanse en días de mercado para vender produtos da zona. Seguindo o camiño, o roteiro transcorre por pistas de terra entre muros ata chegar a outro tesouro, o Dolmen de Muroxosa ou Forno dos Mouros. Esta construción funeraria, é unha pequena entrada na que a súa cámara posúe unha estrutura poligonal tendente a circular cunha pedra cobertora monolítica. No seu interior atopouse un vaso campaniforme que se converteu nunha excepción nos xacementos megalíticos galegos.
O paseo continúa entre os muros, piñeiros, carballos, bidueiros, regatos e pistas que as veces cruzan o río Narla ata volver a Friol e o milario romano da vía XIX da época do emperador romano Antonino que indicaba as millas que faltaban ata chegar a Lugo e que está situado na praza do Concello, pero é unha copia xa que o orixinal consérvase no Museo Provincial de Lugo. Dende alí crúzase a estrada por unhas escaleiras cara ao río Narla e chégase ata o Muiño de Serén.