Guitiriz sacará axudas para os afectados pola covid que non recibiron ningunha

TerraChaXa
O Concello de Guitiriz lanzará a segunda liña de axudas, neste caso irá dirixida a aqueles que aínda non recibisen ningunha subvención.
reunion portavoces guitiriz
27 Feb 2021

O Concello de Guitiriz lanzará nos próximos meses a segunda liña de axudas ao tecido empresarial do municipio, que neste caso irá dirixida a aqueles autónomos ou microempresas que aínda non recibisen ningunha subvención para paliar as consecuencias derivadas da declaración do Estado de Alarma.

A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, convocou aos portavoces dos grupos municipais do PP e do BNG para chegar a un consenso neste e outros asuntos de actualidade, tal e como se comprometera a facer na última sesión plenaria.

Chegouse á conclusión de que, para non solaparse coa segunda liña de axudas que ven de emitir a Xunta de Galicia, o Concello debía centrarse en chegar a aqueles autónomos e microempresas do municipio que aínda non fosen beneficiarios dalgunha subvención das administracións públicas para paliar os efectos da covid-19.

Resposta da Deputación

No encontro tamén se lles trasladou aos grupos municipais da corporación a resposta da Deputación de Lugo ao escrito remitido polo Concello en relación ao proxecto de construción da residencia de maiores na denominada Casa da Bótica, no que se solicitaba ao ente provincial que reafirmase o seu compromiso de levar ata o final o proxecto, que se aportase información directa dos feitos ocorridos desde o inicio dos traballos, que se comunicase inmediatamente ao Concello das decisión a tomar e que se puxese á súa disposición o expediente completo da execución da obra.

Na resposta do deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, reafirmase o compromiso da Deputación para facer realidade o Centro de Atención a Persoas Maiores; explícase que as obras de derrubamento “son produto dunha decisión técnica debido, presuntamente, ás condicións meteorolóxicas adversas para garantir a seguridade”; comprométense a informar puntualmente ao Concello das decisións adoitadas e explican que non procede poñer o expediente a disposición da corporación ao non contemplar a normativa tal trámite pero lembran que os deputados poderán acceder a este na forma que determina o Regulamento Orgánico.

Por último, na reunión tamén se actualizou a situación epidemiolóxica do municipio, que continúa no nivel máximo de restricións, e que a día de onte, venres 25 de febreiro, sumaba 66 positivos.

0.21238398551941