Guitiriz será sede do XVII Encontro de Vilas Termais en 2024
Guitiriz converterase, no 2024, na sede do XVII Encontro de Vilas Termais. O anuncio coincidiu coa reapertura, este ano, do balneario, un espazo con máis dun século de historia e de gran importancia para o municipio.
A alcaldesa, Marisol Morandeira, participou, esta semana, no encontro deste 2023, que tivo lugar en Arnoia.
A Sección de Entidades Locais con Augas Minerais e Termais, constituída no seo da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) reuniuse en Arnoia os días 9, 10 e 11 de marzo para debater os temas de interese das Vilas Termais.
Durante estes días, expertos profesionais nacionais e internacionais, alcaldes de municipios termais e outros representantes políticos de toda España, compartiron unhas xornadas de traballo e reflexión orientadas a potenciar e consolidar a marca Vilas Termais. Experiencias turísticas de éxito destinadas a poñer en valor diferentes destinos termais, xunto a algunhas das últimas iniciativas que teñen como obxectivo o desenvolvemento do Turismo de Saúde e Benestar a través das augas minerais e termais serán, entre outros, os temas que vertebraron este encontro. Como punto de partida algunhas Vilas Termais de Europa expuxeron como o termalismo foi e é determinante na súa historia, a súa cultura e a súa economía.
Onte a Sección de Vilas Termais celebrou a súa Asemblea anual onde se aprobaron as actividades para os próximos meses.