Guitiriz terá un programa de Entroido desde a casa
O Concello de Guitiriz e a Asociación Cultural Xermolos únense para festexar o Entroido de 2021 e, para ir quentado motores, propoñen dúas actividades Memoria de Antroido e Sermón de Antroido. Esta programación vén de ser deseñada tendo en conta as actuais condicións sanitarias.
A primeira das accións previstas, que leva o título de Memoria de Entroido, consistirá na recollida de fotos antigas do Entroido, comezando xa polo ano pasado.
A segunda das actividades propostas é a creación dun sermón de entroido, que consistirá realmente na composición dunha copla satírica, ou mesmo recopilar unha xa feita. Ten que ser en galego pero pode ter as estrofas que se queira e mesmo ser cantada ou recitada.
Tanto as fotos como as coplas poden enviarse por correo a antroido2021@gmail.com e o prazo está aberto ata o 11 de febreiro.
Ademais, tamén se celebrará concurso de disfraces que tamén se fará de forma virtual, podendo participar unicamente persoas dun único núcleo familiar. Haberá catro categorías para os premios, o máis orixinal, o mellor elaborado, o máis humorístico e o máis musical. Ademais, este ano establécese a categoría de mellor Meco, premiando o boneco máis satírico do Entroido.
A participación pode ser a través de vídeo ou fotografía. No vídeo pódese realizar unha pequena parodia ou un baile.
Todos os nenos e nenas participantes neste concurso recibirán un agasallo e o gañador en cada unha das categorías recibirá un goxo de Entroido.
O prazo para participar no concurso está establecido entre o 12 e o 16 de febreiro e o gañador darase a coñecer o 17.
Os participantes deberán enviar o seu vídeo e foto a antroido2021@gmail.com xunto cos seus datos persoais.