“Gústame o cine imperfecto, con erros pero con vida”

Rematou a rodaxe de Monstro; a nova película de Andrés Goteira, un director que xa obtivo numerosos éxitos neste xénero coa súa opera prima Dhogs.
Monstro é unha viaxe á fantasía, ao silencio e ao misterio. Un home chega a unha casa illada en plena natureza e decide instalarse nela para escapar da monotonía da cidade. Parece sentirse cómodo na soidade dese estraño fogar ata que descubre que nun misterioso monte próximo á súa casa habita unha antiga criatura.
Nesta longametraxe, Goteira explora a tensión entre o medo e a identidade a través dunha narración muda. A película leva ao espectador a unha viaxe persoal cruzando a intersección do aburrimento, o illamento e as presións da vida moderna.
No reparto da película inclúense importantes nomes do audiovisual galego, como Antonio Durán Morris e Iván Marcos que coprotagonizan Monstro. Os dous son actores galegos cunha ampla traxectoria.
Morris é unha das caras máis coñecidas do audiovisual galego e ten participado en producións nacionais de grande popularidade como Los Serrano, Los Hombres de Paco, Hospital Central, El Ministerio del Tiempo, La Familia Mata o Sin Tetas no hay Paraíso ata chegar á exitosa Fariña onde interpretou a Charlín e pola que acadou importantes premios. Iván Marcos participou en series como Matolobos, Fariña, 45 revoluciones e Jaguar, entre outras, e obtivo un premio Mestre Mateo como mellor actor principal pola súa interpretación en Dhogs.
Un 80% de Monstro rodouse en plena natureza; en lugares localizados nos concellos de Castro de Rei, A Pontenova, Meira, Becerreá, As Nogais, A Fonsagrada, A Pastoriza, Lugo e Ferrol. O proceso da produción inspírase na calor das cociñas de leña típicas da Terra Chá, centro da colaboración dun equipo moi unido e cunha parte significativa da película rodada en escenarios naturais próximos á comarca de Meira, lugar de orixe da produtora Gaitafilmes.
Esta nova longametraxe de Andrés Goteira está producida por Gaitafilmes en coprodución con Mordisco Films e Indígena Films. Tanto Gaitafilmes como Mordisco Films son produtoras nacidas no rural galego e con estudos de posprodución tamén fora das grandes cidades; Gaitafilmes en Mestre (Ribeira de Piquín) e Mordisco Films en Bóveda. Monstro está financiada pola Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (AGADIC) e a ICAA e coa participación de RTVE e CRTVG.
Andrés Goteira (Meira, 1983) é director, montador, guionista e cofundador de Gaitafilmes. É técnico de telecomunicacións e técnico de imaxe e son, ademais de ser mestre de FP e Educación Secundaria. Monstro é o seu terceiro traballo como director e chega despois da súa exitosa opera prima Dhogs e do documental Welcome to ma Maison.

Cóntenos un pouco os plans de traballo para este filme, que teño entendido que ten á Terra Chá como centro de acción?
Sentímonos moi felices de poder rodar esta película preto da casa. Unha parte importante rodámola en Castro R. de Lea, outras partes rodámolas en Meira, A Pontenova, A Pastoriza, A Fonsagrada Becerreá, Ferrol e Lugo. Trataremos de que todo encaixe ben e forme parte dun mesmo mundo imaxinado.
Todas as historias que presentan teñen sempre un trasfondo, que non se esconde tampouco tras o argumento. Que nos trae esta vez?
Estamos buscando unha pequeniña esencia do máis profundo de nós. É delicado chegar a esa sensación, penso que a montaxe da película é onde todo vai coller camiño. É un proxecto moi atmosférico que precisa xogarse na edición, coa suma das sonoridades e as conexións que xorden no último proceso de creación. Oxalá se achegue ao que imaxinei.
Galicia sempre está detrás… ou diante dos seus traballos. Ten a sede aquí e as historias son de aquí.
Non supón iso un hándicap á hora de levar adiante os proxectos?
Penso que as historias que contamos son máis universais que locais, gústanos contalas aquí na nosa terra, idealmente na nosa lingua. Detrás das películas hai un traballo de produción que é impagable. Moitas das veces todo ese traballo invisible de lograr financiar un proxecto queda en absolutamente nada. É un traballo, moitas veces non remunerado, que se esfuma porque o proxecto non estaba para estes tempos ou non tiña a forza necesaria. As veces sae medianamente ben, como é no caso de Monstro, que foi unha loita moi dura e de varios intentos frustrados. En Gaitafilmes temos proxectos que avanzan paseniñamente e outros que quedarán no caixón escuro para sempre.
Como ve o sector audiovisual galego?
Moi activo e moi diverso, hai moitas propostas e con producións moi diferentes do que podemos estar orgullosos. Interésome máis polas apostas arriscadas, as que non canalizan cara o que se demanda, saír do rego e deixarse levar polo instinto. Teño a sensación que o audiovisual é un mar tan inmenso que unha porcentaxe moi alto queda baixo a auga. Penso que é moi importante que a industria reserve un oco cinematográfico para as creacións de mundos novos, viaxes novas ou experiencias noutras capas da realidade.
Hai xa algunha outra historia na cabeza para poñer en marcha logo de Monstro?
Temos en mente un filme que camiña polo romanticismo cru e que titulamos Señora Azul. Pero sacar un proxecto é tan complexo que por agora estamos centrados en rematar ben Monstro e conseguir que as produtoras implicadas non saian afogadas polos imprevistos. Todo baixo control por agora. Dende a produtora Gaitafilmes, temos outros proxectos en desenvolvemento; ficción e animación.
Como chega un rapaz de Meira ao mundo do cine?
Non o percibo como unha chegada, é un avance que comeza nuns ensaios adolescentes cos amigos de sempre. A loita é non perderse e pelexar por manter aquela inocencia inicial e seguir rodeado dos amigos pero con outras formas máis lóxicas de produción. Sempre sacamos conclusións despois de saír dunha rodaxe. As veces pasamos polos mesmos erros e outras sentimos a mellora, sempre aprendendo cousas novas. O máis importante para min é ter preto a Laura e a Suso, amigos e produtores do filme, tamén a outras xentes soñadoras que vai aparecendo polo camiño e que son ouro puro.

Cunha ópera prima tan premiada, o listón ponse moi alto para os traballos que veñen a continuación?
O certo é que son un pouco kamikaze, sempre imaxino que será o meu último proxecto, que arrisco moito e que serei expulsado do privilexiado mundo cinematográfico. Así que o de pensar como facer unha peli exitosa non frecuenta pola miña cabeza, oxalá así sexa, pero si soubese a fórmula máxica entón estaría facendo outro tipo de película. Gústame o cine imperfecto, con erros pero con vida.
E fácil vivir do cine desde Galicia ou mesmo en xeral, porque é unha profesión complicada?
Non é nada fácil e imaxino que son poucos os que o conseguen. Eu so pretendo facer o cine que me entusiasma e no que teño un alto grado de decisión sobre o resultado. Levar películas a cabo leva 4 ou 5 anos e non é sinxelo vivir desta profesión nos momentos económicos de hoxe. Así que, son profe a maioría do tempo e en paralelo escribo e intento dirixir os proxectos que me tocan a alma.
Cal é a meta laboral e persoal a conseguir?
A laboral; perseguir os oficios creativos e cambiantes. A persoal; respirar tranquilamente, estar preto da xente querida, estar áxil e nutrido, precisar pouco, observar moito, ler moito e ter o tempo ben equilibrado.