“Gustaríame que as institucións apoiasen os proxectos do rural”
Xosé Manuel Felpeto, presidente da asociación de veciños de Cabreiros.
Cando naceu a asociación e que percorrido tivo nestes anos?
A asociación comeza en novembro do ano 1997, é unha data significativa a día de hoxe xa que este mes fará 25 anos desde que se fundou. A idea xurdiu por unha iniciativa veciñal por parte de tres ou catro persoas de certa idade que nunha reunión veciñal (un deles era un párroco) tomaron a decisión. Por aquel entón as asociacións estaban noutras parroquias empezando a rebulir e era vital eu penso constituír unha para moitas cousas que facían falta. Estaba un tanto adormecido todo isto. E despois da terceira reunión, puxémonos a camiñar e traballar na asociación (daquela eramos xente máis nova do que somos agora) e a día de hoxe, aínda perduramos dous ou tres que estamos dende os inicios, o resto de integrantes fóronse agregando pouco a pouco.
Cantos socios son?
Na actualidade somos preto de 300 socios. Sempre nos mantivemos máis ou menos nesa liña. Por desgraza nunha parroquia coma Cabreiros vai falecendo moita xente pero véñense agregando outros, polo que sempre mantemos ese nivel de socios. De todas formas a asociación ten un número elevado de socios e socias porque nós contamos con xente das Pontes, de Vilalba, de Guitiriz, de Ferrol, de Narón... xente que non só reside na parroquia de Cabreiros.
Cal é o obxectivo da mesma? Con que intención se fundou?
Nun principio o obxectivo co que fundamos a asociación era básico: por tema social, cultural e de implicación da sociedade. Por unha banda de xeito interxeracional que si conseguimos facelo e despois tamén a nivel de infraestruturas (aquí había unha certa demanda sen ir máis lonxe o local social ou a escola unitaria á que practicamente lle quedaba un ano para pechar, estaba coma quen di sentenciada pola falla de nenos). No ano 1998 necesitabamos que ese local social tivese certa proxección para poder nós seguir traballando alí, era unha das nosas metas coma tamén o foi a reelectricficación da parroquia ou outras demandas que os propios veciños estaban pedindo e que a asociación buscaba responder aínda que non tivésemos poder fáctico nin político. Xa que co que si contabamos era con poder de convocatoria para que ditas demandas dos veciños saíran adiante sen esquecer o plano cultural nin o social.
Que actividades realizan durante o ano?
Penso que que a escola estea hoxe arranxada e que haxa outras reivindicacións a nivel de estruturas da parroquia por exemplo ten o seu valor, malia que cremos que o que máis nos aporta, persoalmente como presidente da asociación e como veciño, é a implicación da propia sociedade nun colectivo veciñal, asociativo.
Estamos facendo moitas actividades das que os propios medios de comunicación vos facedes eco e si as seguimos facendo é porque temos convocatoria. Iso vén de moi lonxe e segue estando aí a través da actividade que sexa... temos capacidade de convocatoria e a xente agradece moito o traballo que fixemos durante estes 25 anos (coma a presentación de comunicacións e publicacións propias). Hai moitísimos puntos onde o denominador común é o aporte que temos de cara á xente.
De cara ao futuro que proxectos teñen?
Logo duns anos nos que se experimentou un parón xeneralizado por mor da pandemia, agora intentamos ver o lado positivo e volvemos con máis forza. A nivel futuro, sobre todo buscamos manter as tres ou catro actividades primordiais da asociación que temos durante todo ano e que son citas ineludibles como por exemplo A Invernada (cumpre dez anos este ano), as xornadas interxeracionais (xa van pola súa dezanove edición) ou as xornadas de sendeirismo (aquí creamos a ruta de sendeirismo polo río Trimaz por unha iniciativa propia da asociación).
Todo isto custa bastante traballo pero as institucións nos seguen apoiando tódolos anos para que traballemos sobre esas actividades (a universidade, o Concello de Xermade a Deputación de Lugo). E despois a nivel de futuro, realmente calquera programa que nos chegue ou calquera iniciativa que nos poñan enriba da mesa os veciños, nunca lles dicimos que non (non só da parroquia de Cabreiros senón tamén do entorno no que nos movemos).
A Invernada de cine é un dos grandes actos que se celebran. Como xurdiu a idea?
A Invernada xurde tendo como base as xornadas interxeracionais e a partir de aí van saíndo moitas máis iniciativas unhas de pouco percorrido e outras de máis longa traxectoria, entre elas Xermade na Historia (levada a cabo de forma conxunta coa universidade e o concello) e A Invernada. Entendíamos que nunha estación tan longa en Galicia coma é o inverno, de menos luz, na que a xente se mete máis na casa... queríamos intentar aínda que fora unhas horas xuntarnos a camiñar (entre as 18.30 e as 20.30 horas) e sobre todo ver as múltiples alternativas que nos ofrece o audiovisual galego que son moitas. E mesturar ideas e opinións acerca do que imos ver: documentais, películas... todo o que traemos vén documentado xa que veñen as persoas que crearon esa obra, película ou cinta audiovisual a falar dela, sempre hai unha parte de debate. E de aí xurdiu a iniciativa de crear A Invernada, que segue a funcionar moi ben e que este ano abarcará dende o 5 de novembro ata nadal (tódolos sábados).
E con respecto ás xornadas interxeneracionais?
Pois con respecto a este tipo de xornadas, o primeiro que observamos é que a nivel Galicia non se realizaba nada similar e foi unha proposta do noso amigo, veciño e profesor de universidade Suso Rodríguez, que puxo enriba da mesa a proposta de intercomunicarnos entre os veciños sendo nós o vínculo que houbese no medio. É dicir que todas aquelas persoas con 70 ou 80 anos puidesen contar as súas historias á xuventude e viceversa. Que os rapaces tamén puideran aportar cousas das súas vidas, das novas tecnoloxías, do que fora.
A vida agora mesmo aquí en 25 anos cambiou moito, de xeito vertixinoso, e nós quixemos poñer de manifesto esa interxeracionalidade para que non se esquecera para nada o labor dos nosos maiores ensinándonos como foi e como é a súa vida, como chegaron ata aquí... todo iso sen perder a experiencia, o noso patrimonio e os nosos costumes. E iso funcionou e funciona perfectamente, agora dentro desas xornadas que son tres días, teñen cabida moitas cousas e actividades coma a presentación dun libro, dunha peza, unha exposición, calquera conferencia sobre medicina... Tres días dan para moito.
A base era esa, a interxeracionalidade, pero dentro do programa temos un abanico moi amplo de actividades. Unha oferta variada para tódolos que queiran visitar as xornadas.
Que necesidades se plantexan como asociación?
Persoalmente penso que este mundo está tan pendente do aspecto económico que agora tes un proxecto enorme e se non atopas financiamento é complicado sacalo adiante. Hai tempo barallamos a idea de realizar un proxecto de curtas feitas aquí na terra pero quedou no tinteiro porque non atopamos o suficiente apoio económico. E coma eses proxectos quedan no camiño outros moitos, de temas culturais. Por outra banda, como presidente, eu non me podo queixar da Deputación de Lugo xa que se non fora por eles moitas das actividades que desenvolvemos non terían cabida, o concello tamén dentro das súas posibilidades fai o que pode pero si me teño que queixar de algo é de que en 25 anos que levo de presidente, a Xunta de Galicia practicamente non nos deu nada. Nese aspecto si que sería necesario que mirasen un pouquiño máis para os sitios pequenos que realicen este tipo de actividades, gustaríame en xeral que as institucións apoiasen os proxectos do rural porque son marabillosos e penso que o primordial empeza aí, dinamizando este sector para que a xente veña e nos coñeza.
Que é o que conclúe destes anos de traballo?
Simplemente o feito de que dende a asociación levamos facendo un longo traballo dende hai 25 anos de xeito altruísta e facémolo porque nos gusta, pero sobre todo porque vemos que é algo que a xente nos pide e ten moi boa resposta por parte do público.