"Gustaríanos retomar poxas de carácter independente ás datas da Moexmu"
A primeira fin de semana de abril o recinto feiral de Muimenta recupera a celebración do seu buque insignia, a Moexmu, a feira exposición agrícola e gandeira por excelencia, que ten cita tras dous anos sen celebrarse pola covid. Dende a organización traballan arreo para que esta edición sexa aínda mellor que as anteriores. José Manuel Rus, coordinador da Moexmu, avanza algunhas das novas que os esperan.
Con que perspectivas se reanuda a Moexmu tras dous anos de parón?
Volvemos coas ilusións intactas e con moito traballo. A verdade é que dous anos de parón nótanse (anque no ano 2020 se suspendeu a pouco máis de 15 días da súa inauguración), pero a nivel mantenemento do recinto feiral, nótase moito este parón; estamos a traballar para ter todo preparado para o vindeiro primeiro de abril.
Que novidades terá esta edición? Que nos pode avanzar do que nos espera?
Poder sacar adiante o Concurso Autonómico de Gando Frisón Fefriga-2022, que alcanza a súa XXX edición, e que se ía a celebrar no ano 2.020, é a gran novidade do programa desta edición. Mantemos actividades de éxito doutras edicións, como o Can de Palleiro. Estamos a pechar o programa de actividades e algunha se podrá ver modificada para adaptarse ás condicións sanitarias.
Engaden este novo concurso, Fefriga-2022, como xurde a idea desta incoporación?
Pois foi en conversas con Fefriga e Africor Lugo. Sen lugar a dúbidas é un gran respaldo ao traballo que os empresarios de Muimenta en particular e a veciñanza de Muimenta en xeral levan a cabo dende mediados dos anos oitenta para sacar adiante tanto a Moexmu e as actividades que levan unidas.
Que consecuencias tivo a covid para a feira?
Dous anos de parón tanto na Moexmu como na Filloa nótanse, aínda que a última levouse a cabo nas redes, nótase no pobo a súa cancelación. O traballo nesta edición está a ser máis intenso.
Que obxectivos de participación teñen para este ano?
Ata a data a resposta da xente está a ser positiva, preguntar para voltar a participar, tanto gandeirías, como expositores en xeral...
Que implica organizar un evento destas características?
Moito traballo e moitas horas da vida persoal de cada un dos membros da comisión organizadora. Adicamos sempre parte do tempo do noso lecer, ou que lle adicamos tanto as nosas familias como aos nosas amizades.
Trabállase todo o ano para a súa organización. Que pasos hai que dar?
Moitos, dende todo o papeleo ante Medio Rural para os permisos do concurso, idem coa Consellería de Medio Ambiente para o tema do Can de Palleiro, así como outras xestións ante o Concello de Cospeito, Deputación de Lugo, patrocinadores, etc.
Cal é o rasgo que define á Moexmu?
O concurso de gando é a súa peza fundamental, anque non é a única.
Que lle aporta a Muimenta e Muimenta á Moexmu?
Ambas van unidas dende fai moito anos, están tan relacionadas que non se poden separar.
De cara ao futuro, cales son os proxectos que se teñen?
A curto prazo, a reestructuración das comisións organizadoras para darlle cabida aos novos empresarios de Muimenta. Aínda que tamén, noutra faceta, gustaríanos retomar poxas de carácter independente ás datas da
Moexmu.
Que necesidades ou carencias ten agora mesmo a Moexmu?
O máis urxente a nivel carencias sería aplicar melloras no recinto feiral Manuel Vila que é outras das necesidades
urxentes que se teñen que levar a cabo, máis cedo que tarde.
Con que apoios contan?
Contamos son apoios continous do Concello de Cospeito, Deputación de Lugo, Xunta de Galicia, Progando, De Heus, Abanca e Empresarios de Muimenta.