Habilitan en Vilalba dous aparcadoiros públicos para camións no polígono e un para turismos
O tenente de alcalde Modesto Renda anunciou a habilitación de 11.952 m2 de aparcadoiro público para vehículos de alta tonelaxe, repartidos en dúas explanadas de titularidade municipal no Polígono.
Trátase dunha medida que se completa coa habilitación doutra parcela municipal de 1.487 m2 destinada a aparcadoiro de turismos.
Acompañado polo presidente da Asociación de Empresarios de Vilalba, Renda explicou que o obxectivo desta nova iniciativa é o de "ter un Polígono Industrial ordenado" e deixou claro que "o Concello non obrigará ós/ás transportistas a facer uso do mesmo", pois dende a Área de Mobilidade "só se pretende darlles unha nova opción".
O Concello dá así resposta a unha demanda do empresariado do Polígono e transportistas. "Un sector fundamental para Vilalba e as parroquias", engadiu.