Habilitan nas Pontes un área de descanso e aseo para transportistas

TerraChaXa
O Concello das Pontes habilitou, en colaboración coa asociación de empresarios Seara, unha zona de descanso e aseo para transportistas co obxectivo de contribuír a facilitar o traballo e a mobilidade dos transportistas encargados de garantir o subministro de bens e servizos a toda a poboación.
Zona Descanso e Aseo
27 Mar 2020

O Concello das Pontes habilitou, en colaboración coa asociación de empresarios Seara, unha zona de descanso e aseo para transportistas co obxectivo de contribuír a facilitar o traballo e a mobilidade dos transportistas encargados de garantir o subministro de bens e servizos a toda a poboación.

“Os transportistas continúan coa súa actividade, abastecéndonos a diario, facendo enormes esforzos. O estado de alarma deixounos, en moitos casos, sen a posibilidade de poder asearse ou descansar pola falta de establecementos abertos nas súas rutas. Desde o Concello das Pontes queremos axudar a mitigar esta situación, poñendo á súa disposición os recursos cos que contamos e mostrando o noso apoio a un sector absolutamente esencial nestes momentos” sinala o alcalde, Valentín González Formoso.

Desde o Concello tamén agradecen a colaboración de Seara na posta en marcha desta iniciativa, cedendo a súas instalacións no polígono de Penapurreira, nun momento no que a colaboración de entidades públicas e privadas é esencial para velar pola saúde pública da cidadanía e minimizar a propagación do virus, prestando especial atención aos sectores que están a garantir o benestar de toda a poboación do país.

Para asegurar as óptimas condicións sanitarias e de hixiene deste espazo, o Concello das Pontes porá os medios necesarios, a través de persoal de limpeza, para levar a cabo a desinfección permanente das instalacións e, deste xeito, reducir a exposición dos transportistas ao risco de contaxio.

Esta área de descanso e aseo estará aberta, de luns a venres, de oito da mañá a oito da tarde de xeito ininterrompido.

0.35786700248718